Tecido óseo
From Wikipedia, the free encyclopedia
O tecido óseo é un tipo de tecido conectivo ríxido con funcións estruturais e de soporte, que forma os ósos do esqueleto.
O tecido óseo é un tecido conectivo mineralizado. Fórmano as células chamadas osteoblastos, que depositan unha matriz proteica de coláxeno de tipo I e liberan ións calcio, magnesio, e fosfato, que se combinan coa matriz de coláxeno formando un mineral cristalino en forma de hidroxiapatito (tamén chamado hidroxilapatito). A combinación da parte mineral dura e do coláxeno flexible fai que o óso sexa máis duro e forte ca a cartilaxe sen facerse crebadizo.
Hai dous tipos de tecido óseo: compacto e esponxoso. O óso compacto consta de estruturas repetidas chamadas osteonas, osteóns ou sistemas haversianos, que son a súa unidade funcional e anatómica. Cada osteona está formada por capas concéntricas de matriz mineralizada, chamadas laminiñas concéntricas, que se depositan arredor dun canal central, tamén chamado canal de Havers, que contén vasos sanguíneos e nervios. O tecido óseo esponxoso está formado por unha rede de trabéculas de tecido mineralizado, que deixan ocos entre elas cheos de medula ósea vermella[1][2].