U Thant
From Wikipedia, the free encyclopedia
Thant (en birmano, သန့်), nado en Pantanaw (Birmania) o 22 de xaneiro de 1909 e finado en Nova York o 25 de novembro de 1974, máis coñecido como U Thant, foi un diplomático birmano que desde 1961 ata 1971 exerceu como secretario xeral da Organización das Nacións Unidas. Foi a primeira persoa dun país asiático que ocupou o cargo, así como o primeiro dun país en vías de desenvolvemento.[1]
Nome orixinal | (my) ဦးသန့် |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 22 de xaneiro de 1909 Pantanaw (Raj Británico) |
Morte | 25 de novembro de 1974 (65 anos) Nova York, Estados Unidos de América |
Causa da morte | cancro de pulmón |
3º Secretariado das Nacións Unidas | |
30 de novembro de 1961 – 31 de decembro de 1971 ← Dag Hammarskjöld – Kurt Waldheim → | |
Embaixador | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Myanmar |
Relixión | Theravada |
Educación | University of Yangon (en) |
Actividade | |
Ocupación | político , diplomático , escritor |
Empregador | ONU |
Partido político | Anti-Fascist People's Freedom League (en) |
Membro de | |
Lingua | Birmano |
Participou en | |
18 de abril de 1955 | Conferencia de Bandung |
Familia | |
Cónxuxe | Daw Thein Tin |
Pais | Po Hnit (en) e Nan Thaung (en) |
Premios
| |
Antes de dedicarse á diplomacia era profesor na súa vila natal, cunha licenciatura pola Universidade de Rangún. Trala independencia de Birmania en 1948 foi ascendendo posicións na política nacional, converténdose nun dos máis fieis conselleiros do primeiro ministro U Nu. A raíz do éxito organizativo da conferencia de Bandung, en 1957 foi nomeado embaixador de Birmania ante a Organización das Nacións Unidas.[2]
O falecemento de Dag Hammarskjöld nun accidente de aviación levou a que o 30 de novembro de 1961 fose nomeado secretario xeral da ONU por aclamación, sendo reelixido en 1963 e 1966. Ao longo do seu mandato, en que destacou polo seu talante negociador e moderado,[3] sucedéronse acontecementos como a crise dos mísiles de Cuba, a resolución da Guerra Civil do Congo, o estalido da Guerra dos Seis Días coa posterior ocupación de territorios por Israel e os numerosos procesos de descolonización en Asia e África. A comezos de 1971 renunciou a presentarse de noveo e foi substituído por Kurt Waldheim.[2][3]
Thant era unha das figuras políticas máis respectadas polo pobo birmano, mais o golpe de estado de 1962 e o derrocamento de U Nu fixeron que caese en desgraza para a xunta militar liderada por Ne Win. Tras falecer en 1974 por un cancro de pulmón, os seus restos mortais foron soterrados en Rangún baixo disturbios entre os estudantes e a policía, pois o goberno militar negárase a renderlle honras de estado.