Óptica

From Wikipedia, the free encyclopedia

A óptica (do latín medieval opticus, relativo á visión, e do grego clásico ὀπτικός, optikós) é unha rama da física que describe o comportamento e propiedades da luz e a interacción desta coa materia, así como a construción de instrumentos que se serven dela ou a detectan.[1] Así, a óptica procura explicar, e proporcionar o xeito adecuado de dominar os fenómenos nos que intervén a luz ou fenómenos ópticos.

O campo da óptica abrangue usualmente a descrición do comportamento da luz visible, infravermella e ultravioleta; porén, como a luz é unha onda electromagnética, fenómenos análogos suceden nos raios X, microondas, radioondas e outras formas de radiación electromagnética. A óptica pode contemplarse como un subcampo do electromagnetismo. Algún fenómeno óptico depende da natureza cuántica da luz e algunhas áreas da óptica están tamén relacionadas coa mecánica cuántica.

A óptica é moitas veces considerada moi separada doutras partes da física. Ten a súa propia identidade. Os aspectos puramente científicos son con frecuencia chamados Ciencia Óptica ou Óptica Física.

A óptica aplicada é a miúdo chamada Enxeñaría Óptica. Incluso aplicacións desta enxeñaría como as relacionadas cos sistemas de iluminación son chamadas enxeñaría lumínica, e o mesmo ocorre coa visión artificial e moitos outros campos. Cada unha destas disciplinas tende a ser abondo diferente nas súas aplicacións, condicións técnicas, focalización e afiliación profesional.

Pola súa ampla aplicación como ciencia da luz nas aplicacións do mundo real, a área da óptica tende a ser interdisciplinar e transversal a outras disciplinas, afectando de xeito moi importante partes non só da física e a tecnoloxía, senón tamén da psicoloxía, a medicina etc.