Interfase

From Wikipedia, the free encyclopedia

Interfase
Remove ads

A Interfase é a fase do ciclo celular na que a célula pasa a maior parte da súa vida, realiza a maioría das funcións que lle corresponden segundo a súa diferenciación, e prepárase para a división celular. A interfase supón case o 90% do tempo do ciclo celular en mamíferos.[1] Para prepararse para a división, a célula incrementa o seu tamaño e replica o seu ADN. A interfase é o período no que a célula obtén os nutrientes que precisa, medra, expresa os seus xenes, e fai todas as súas funcións típicas. Aínda que durante a interfase se produce unha activa preparación da mitose, a interfase non forma parte da mitose, senón que é unha fase previa do ciclo celular.[2] A interfase vai seguida da mitose, da meiose ou da apoptose.

Thumb
Ilustración da interfase en Gray's Anatomy. A cromatina aínda non está condensada, e a célula está exercendo as súas funcións normais.
Thumb
Núcleo dunha célula (HT1080) en interfase (probablemente en G1). O Citoplasma non é visible. Imaxe de microscopio óptico co ADN marcado con DAPI.
Thumb
Esquema do ciclo celular: I=Interfase, M=Fase de división (mitose + citocinese).
Remove ads

Identificación

Ao microscopio, a interfase pode recoñecerse porque a envoltura nuclear está intacta, e a cromatina non está condensada, polo que non se observan cromosomas no núcleo, os cales non se empezarán a formar ata a profase mitótica. O nucléolo tamén é visible. Os centríolos son visibles na célula animal, pero non se observa o fuso acromático.

Períodos da interfase

A interfase comprende tres períodos ou estadios. Cada un avanza ao seguinte cando os puntos de control ou checkpoints do ciclo celular comproban que o estadio anterior se completou correctamente. Hai un destes puntos de control ao final do período G1 e outro ao final do G2. Os tres perídos son:

  • Fase G1. A súa denominación procede do inglés gap (intervalo). A célula crece e funciona normalmente, sintetizando as súas proteínas. Xeralmente é o período de maior duración da interfase. Unha célula humana de división rápida que se divida en 24 horas, pasará 9 horas neste período. O ADN está en forma de filamentos de cromatina dunha cromátide. Ao final da fase hai un punto de restrición no que a célula se asegura que o ADN está intacto e a célula está funcionando normalmente antes de entrar na fase S. Aparecen determinadas ciclinas e quinases dependentes de ciclinas (CDK) e fórmase ao final do período o complexo CDK-ciclinas chamado factor promotor da fase S (SPF), que cando é fosforilado orixina a cascada de reaccións que activa as proteínas que promoverán a replicación do ADN na fase S.
  • Fase S. A súa denominación procede do inglés synthesis (do ADN). Nesta fase a célula duplica o seu ADN, polo que cada filamento de cromatina estará formado por dúas cromátides, que se separarán despois durante a mitose e irán cada cromátide de cada filamento a unha célula filla. Unha vez replicado o ADN, compróbase que non se replique máis veces, o que nos lévedos se consegue degradando a proteína cdc6, fosforilando Orc2/6 e excluíndo do núcleo as proteínas mcm. Tamén se comproba que o ADN non teña danos, para o cal intervén a quinase ATR, que desencadea unha cascada de reaccións que en caso necesario paran o ciclo celular.
  • Fase G2. A célula reanúda a seu crecemento e prepárase para a mitose. Algúns organismos (embrións de Xenopus, células tumorais) saltan esta fase e pasan directamente da fase S á mitose. A fase iníciase cando se chegan a niveis altos do factor de promoción da maduración (MPF), formado pola ciclina B1 e CDK1. A inhibición de CDK1 por diversos factores proteicos detén o ciclo se hai danos no ADN. Algúns destes factores proteicos tamén poden inervir para parar o ciclo nas dúas fases anteriores en resposta a danos no ADN. A concentración e a actividade do complexo ciclina B1/CDK1 é fundamental para determinar o comezo da mitose.
  • Ademais, algunhas células que non se dividen pasan de G1 á fase G0, despois do punto de restrición de G1. Nesta fase a célula está quiescente e fóra do ciclo celular.[3]

.

Artigo principal: Ciclo celular.
Remove ads

Notas

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads