ADN non codificante
From Wikipedia, the free encyclopedia
En xenómica e disciplinas relacionadas, as secuencias de ADN non codificante son compoñentes do ADN dun organismo que non codifican secuencias de proteínas. Parte do ADN non codificante é transcrito en moléculas funcionais de ARN non codificante (por exemplo, ARNt, ARNr, e ARNs reguladores), mentres que outras non son transcritas ou dan lugar a transcritos de ARN sen función coñecida. Por tanto, que un ADN non codifique proteínas non quere dicir que non poida ter unha función biolóxica. Non obstante, a parte dese ADN aínda non se lle atopou unha función. A cantidade de ADN non codificante varía grandemente entre as especies. Por exemplo, un 98% do xenoma humano é ADN non codificante,[2] mentres que só aproximadamente un 10-15% dun xenoma bacteriano típico é ADN non codificante.[3]
Inicialmente, non se coñecía ningunha función para unha gran proporción do ADN non codificante e pensouse que probablemente unha boa parte del non a tería, polo que hai unhas décadas acuñouse o termo "ADN lixo" (junk DNA), que se popularizou bastante nos medios de comunicación e tamén se usou en publicacións científicas. Despois fóronse descubrindo funcións para unha parte dese ADN, polo que empezou a usarse cada vez máis o termo ADN non codificante. De todos os xeitos, desde hai tempo coñecíanse funcións realizadas por segmentos non codificantes, como as dos xenes de ARNs funcionais e as das orixes de replicación, centrómeros, e telómeros entre outros.
Non obstante, algunhas secuencias de ADN que forman unha porción significativa do noso xenoma seguen ser ter unha función coñecida para o organismo, como os retrovirus endóxenos. Entre as funcións que se sabe realizan os diversos tipos de secuencias de ADN non codificantes están: regulación da transcrición e tradución das secuencias que codifican proteínas, orixes de replicación do ADN, centrómeros, telómeros, rexións de unión do armazón (SARs), xenes de ARNs funcionais, e moitas outras. Sospéitase que algunhas outras secuencias non codificantes teñen probablemente funcións aínda non determinadas (o que se infire do seu alto nivel de semellanza na secuencia entre distintas especies).
A fracción funcional do ADN non codificante e en xeral a do xenoma humano foi discutida. O proxecto Enciclopedia de Elementos do ADN (ENCODE)[4] sinalaba en 2012 que un 80% do ADN do xenoma humano "ten algún propósito, falando bioquimicamente".[5] Non obstante, esta conclusión foi criticada por algúns científicos,[6][7] e nun recente artigo afírmase que só o "8,2% do xenoma humano é probablemente funcional, e que só o 2,2% se mantivo restrinxido en humanos e ratos deste que estas especies diverxiron".[8]
Como é difícil determinar se gran parte das rexións do xenoma son funcionais ou non funcionais, segue habendo moita controversia sobre que criterios se deberían usar para identificar ditas funcións. Moitos científicos que teñen unha visión evolutiva do xenoma prefiren criterios baseados na preservación das secuencias de ADN pola selección natural.[9][10][11] Outros científicos discuten esta visión ou fan diferentes interpretacións dos datos.[12][13][14]