A castaña na cultura popular galega
From Wikipedia, the free encyclopedia
A seguir recóllese a pegada da castaña e do castiñeiro na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Tamén, por similitude, se inclúe algunha información sobre o castiñeiro de Indias (Aesculus hippocastanum).
- Artigo principal: Castiñeiro.
O castiñeiro recibe en Galicia os nomes de castañeira, castañeiro, castiñeira, castiro e restre; existen castiñeiros bravos, que se denominan rebolos, bravádegos ou castiñeiróns. A denominación abundancial máis común é a de souto, pero tamén temos castañal, castañar, castañeira, castañeiro, castiñeiral, soutelo e tropezal.
A castaña ten tamén os nomes de cagoxa e croca; cando caen de seu ó chan xa maduras, denomínanse degaros, restelas ou restrelos (tamén castañas degaradas, degraídas, de restelo ou de restrelo). Algunhas castañas quedan abortadas ou malogradas dentro do ourizo: son as bolercas, castañas bolercas ou croucos; estas destínanse á ceba do porco.
Recóllense vareando os castiñeiros cuns paus longos ou lanzando contra as pólas uns paus pequenos (rebolos), de forma que os ourizos caen ó chan, de onde se recollen e se amorean ou se poñen a secar nas ouriceiras. Cando os ourizos secan e abren, extráense as castañas (operación que se chama a bulla ou petela).
As castañas cocidas con casca denomínanse mamotas ou zonchos. Acostuman cocerse con sal e unhas herbas, normalmente fiúncho e nébeda, para seren máis dixestíbeis.
Outra forma de comer as castañas é deixándoas secar no caínzo ou fumeiro, ó fume da lareira. Son as castañas maias, maiolas ou castañas do canizo [1], que se comen logo, secas e peladas, en forma de caldo de castañas