Acaia (provincia romana)
provincia romana / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Acaia[1] (latín Achaea, en grego: Αχαΐα) foi unha provincia romana formada, supostamente, despois do ano 146 a. C. cos territorios da Liga Aquea (incluída Esparta) e da Liga Etolia, é dicir con case todo o Peloponeso, aos que se lles engadiría Ática, Beocia e as illas próximas a Grecia (as Cícladas) e partes de Ftiótide, Etolia-Acarnania e Fócida e, segundo Estrabón, tamén Tesalia, pero Tolomeo di que Tesalia pertencía a Macedonia). É probábel que a Acarnania formase parte da nova provincia, mais Tolomeo asignaa á Epiro.
Achaia (la) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Colonia Laus Iulia Corinthiensis (en) | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 146 a. C. | ||||
Disolución | 690 | ||||
A rexión foi anexionada pola República Romana no 146 a.C., tralo saqueo de Corinto, polo xeneral romano Lucius Mummius, quen recibiu o título de "Achaicus" ("conquistador de Acaia"). Pasou a formar parte da provincia romana de Macedonia, que incluía toda a Grecia continental.
Se ben despois do 146 a. C. o poder da Liga Aquea foi destruído, probabelmente logo desta data o sistema de goberno autónomo de cada cidade mantívose durante certo tempo (quizais por case un século) como antes. Sábese que en ocasións as cidades gregas estiveron suxeitas ás decisións do gobernador romano de Macedonia. É tamén posíbel que a provincia non fose en realidade estabelecida até a época de Xulio César, despois do ano 50 a. C., que é cando se coñece o primeiro gobernador: Servio Sulpicio.
En tempos de Augusto Grecia estaba dividida entre as provincias de Acaia, Macedonia e o Epiro (esta última incluíndo Iliria). Na repartición da autoridade sobre as provincias, Acaia correspondeulle ao Senado e foi gobernada por un procónsul e como provincia senatorial, estaba libre de militares e lexións, e era unha das provincias máis prestixiosas e buscadas para que gobernasen os senadores.[2] Atenas foi o principal centro de educación para a elite imperial, rivalizada só por Alexandría, e unha das cidades máis importantes do Imperio.
Tiberio converteuna en provincia imperial no ano 16, pero Claudio devolveulla ao Senado. Naquel tempo a capital provincial era Corinto, onde foi levado precisamente o apóstolo Paulo perante o procónsul Xunio Galio. Nerón suprimiu a provincia, restaurando a liberdade das cidades gregas, mais o emperador Vespasiano volveu restabelecer de novo a provincia, facendo pagar ao tempo ás cidades unha contribución anual.
Acaia estivo entre as partes máis prósperas e pacíficas do mundo romano ata a Antigüidade tardía, cando sufriu por primeira vez invasións bárbaras. A provincia seguiu sendo próspera e altamente urbanizada, como demostra o Synecdemus, dirixida por procónsules subsistiu até o tempo do emperador oriental Xustiniano (século VI).
As invasións eslavas do século VII levaron a unha destrución xeneralizada, gran parte da poboación fuxiu para as cidades fortificadas, as illas do mar Exeo e Italia, mentres que algunhas tribos eslavas instaláronse no interior. Os territorios de Acaia que quedaron en mans bizantinas agrupáronse no Thema de Hélade.