Acidófilo (organismo)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os organismos acidófilos ou acidófilos son os que prefiren vivir en condicións ácidas (xeralmente os óptimos están arredor de pH 3,0 ou inferior[1][2]). Algúns están tan adaptados aos ambientes moi ácidos que morren mesmo a pH moderados aínda ácidos. O organismo máis extremadamente acidófilo coñecido é a arquea Picrophilus, que chega a vivir a pH 0,06. Os organismos acidófilos encóntranse en diferentes pólas da árbore da vida, e entre eles hai arqueas, bacterias, e eucariotas. Entre os acidófilos atópase unha gran variedade de metabolismos: aerobios, anaerobios e anaerobios facultativos, procariotas quimiolitótrofos e heterótrofos de diversas clases, eucariotas fotoautótrofos, protozoos predadores etc. Poden atoparse en diversos hábitats como zonas volcánicas, fontes hidrotermais terrestres ou mariñas, minas (ou outras zonas) con drenaxes ácidas ou nos estómagos de animais. Un exemplo de ecosistema ácido é río Tinto, Huelva, España, con augas ácidas entre os pHs 1,7 e 2,5 que albergan un rico endemismo composto de arqueas quimiosintéticas, bacterias heterótrofas, algas unicelulares como as diatomeas, diversos protistas, fungos, lévedos e rotíferos, entre outros.[3]