Adxuvante
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un adxuvante[1] (do latín adiuvare, axudar) é un axente farmacolóxico ou inmunolóxico que acompaña o efecto doutros axentes. En inmunoloxía, os adxuvantes inmunolóxicos son compostos químicos orgánicos ou inorgánicos, macromoléculas ou células enteiras de certas bacterias mortas, que potencian a resposta inmunitaria a un antíxeno. Poden incluírse entre os compoñentes dunha vacina para potenciar a resposta inmunitaria do receptor ao antíxeno subministrado, o que minimiza a cantidade de material estraño que debe ser inxectado.[2][3] Os adxuvantes utilízanse tamén na produción de anticorpos en animais inmunizados. Os adxuvantes máis comunmente utilizados son o hidróxido de aluminio e o aceite de parafina.[2][3] Por outra parte, en farmacoloxía, os adxuvantes farmacéuticos son fármacos que teñen poucos ou ningún efecto farmacolóxico por si mesmos, pero poden incrementar a eficacia ou potenciar a outros fármacos administrados ao mesmo tempo.