Althea Gibson
tenista profesional estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
Althea Gibson, nada en Silver (Carolina do Norte) o 25 de agosto de 1927 e finada en East Orange (Nova Jersey) o 28 de setembro de 2003, foi unha tenista e golfista estadounidense, e a primeira deportista de raza negra en cruzar a liña da cor no tenis internacional. En 1956 converteuse na primeira afroamericana que gañou un torneo de Grand Slam (o Torneo de Roland Garros). O ano seguinte gañou tanto Wimbledon como o US Nationals (precursor do aberto dos Estados Uniods), o que repetiu en 1958, e foi votada como a Deportista Feminina do Ano pola Associated Press os dous anos. En total, gañou once torneos de Grand Slam, incluíndo cinco títulos individuais, cinco de dobres e un de dobres mixtos. Gibson foi incluída no International Tennis Hall of Fame e no International Women's Sports Hall of Fame. "Ela é unha das grandes xogadoras que xamais existiu", dixo Bob Ryland, contemporáneo dela e antigo adestrador de Venus e Serena Williams. "Martina [Navrátilová] non podería tocala. Penso que batería as irmás Williams".[1][2] A principios da década de 1960 tamén se converteu na primeira xogadora negra que participou no Women's Professional Golf Tour.
Nun momento en que o racismo e os prexuízos estaban estendidos no deporte e na sociedade, Gibson foi comparada con Jackie Robinson. "O seu camiño ao éxito foi un desafío, dixo Billie Jean King, "mais nunca a vin dar marcha atrás"[3][4] "Para calquera era unha inspiración, polo que podía facer nese momento en que era enormemente difícil xogar ao tenis se eras negro",[5] dixo o exalcalde de Nova York David Dinkins.[6] "Estou orgullosa de seguir as súas grandes pegadas", escribiu Venus Williams. "Os seus logros estableceron o escenario para o meu éxito, e a través de xogadoras como eu mesma e Serana e outras moitas por chegar, o seu legado seguirá vivo".[7][8]