Aneurisma
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un aneurisma é unha dilatación que forma unha pequena protuberancia con forma de globo localizada e chea de sangue, que se orixina na parede dun vaso sanguíneo en condicións patolóxicas, que nalgúns casos é mortal. Os aneurismas poden orixinarse en calquera vaso sanguíneo, pero os exemplos máis letais son os aneurismas do círculo de Willis (círculo arterial cerebral) no cerebro, o aneurisma aórtico, que afecta á arteria aorta torácica e o aneurisma aórtico abdominal. Os aneurismas poden orixinarse no propio corazón despois dun infarto de miocardio, e entre estes están os aneurismas ventriculares e os septais auriculares.
Aneurisma | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Anxiografía dun aneurisma nunha arteria cerebral. O aneurisma é o globo gris con forma de feixón do centro da imaxe. | |
ICD-10 | I72 |
ICD-9 | 442 |
DiseasesDB | 15088 |
MedlinePlus | 001122 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A medida que un aneurisma aumenta de tamaño, o risco de rotura increméntase.[1] A rotura dun aneurisma orixina unha hemorraxia. Os aneurismas son o resultdo do debilitamento da parede dos vasos sanguíneos e poden orixinarse como resultado dunha condición hereditaria ou dunha doenza adquirida. Os aneurismas poden tamén ser un lugar de formación de coágulos (trombose) e de embolismos. A palabra procede do grego ἀνεύρυσμα, aneurysma, 'dilatación', a partir de ἀνευρύνειν, aneurynein, 'dilatar'.