Antibiótico
composto químico producida por un ser vivo ou derivado sintético, que mata ou impide o crecemento de certas clases de microorganismos sensibles, xeralmente bacterias, pero non exclusivamente / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un antibiótico (do grego αντί - anti, "en contra" + - biotikos, "dado á vida"[1][2]) é un composto químico producido por un ser vivo ou derivado sintético, que mata ou impide o crecemento de certas clases de microorganismos sensibles, xeralmente bacterias, pero non exclusivamente. Os que só actúan contra bacterias chámanse antibacterianos. Os antibióticos utilízanse en medicina humana, veterinaria e horticultura para tratar infeccións provocadas por xermes. Normalmente os antibióticos presentan toxicidade selectiva, que é moi superior para os organismos invasores que para os animais ou os seres humanos que os hospedan,[3] aínda que ocasionalmente pode producirse unha reacción adversa, como afectar á flora bacteriana normal do organismo ou outros efectos secundarios. Os antibióticos xeralmente axudan ás defensas dun individuo ata que as respostas locais sexan dabondo para controlar a infección.[4] Un antibiótico é bacteriostático se impide o crecemento dos xermes, e bactericida se os destrúe, pero pode xerar tamén ambos os efectos, segundo os casos.[5]
En termos estritos ou históricos, un antibiótico é unha substancia segregada por un microorganismo, que ten a capacidade de afectar a outros microorganismos. O termo antibiótico foi utilizado por primeira vez por Selman Waksman en 1942 para describir certas «influencias antibióticas», é dicir, aquelas formulacións antagonistas ao crecemento de microorganismos e que derivan doutros organismos vivos.[6] Esa definición exclúe a aquelas substancias naturais, como o zume gástrico ou o peróxido de hidróxeno, que poden matar a un microorganismo paro que non son producidas por outros microorganismos. Na actualidade a definición de antibiótico está sendo usada para incluír aos antimicrobianos sintéticos ou quimioterapéuticos antimicrobianos como as quinolonas, sulfamidas e outros axentes antimicrobianos derivados de produtos naturais e aqueles con propiedades antibióticas descubertas empiricamente.[6]
Moitos antibióticos son compostos de masa molecular relativamente pequena de menos de 2000 Da. Cos avances na química farmacéutica a maioría dos antibióticos actuais son quimicamente modificacións semisintéticas de diversos compostos naturais.[7] Estes inclúen, por exemplo, os beta-lactámicos, como as penicilinas (producidas por fungos e despois modificadas no laboratorio), as cefalosporinas, e os carbapenems. Compostos que aínda se obteñen illándoos de organismos vivos son os aminoglicósidos. Outros son resultado exclusivamente de síntese química no laboratorio, como as sulfonamidas, as quinolonas, e as oxazolidinonas. Por tanto, estes produtos poden clasificarse de acordo coa súa orixe química en naturais, semisintéticos, e sintéticos.
O obxectivo do tratamento con antibióticos é a erradicación do microorganismo patóxeno. Para isto cómpre seguir unha posoloxía (doses) que consiga que no foco da infección se acade unha concentración do medicamento superior á mínima concentración capaz de inhibir ao microorganismo[8] durante o tempo suficiente. A automedicación con antibióticos supón un serio problema de saúde pública, porque a elección inadecuada do antibiótico e, especialmente, unha incorrecta posoloxía, pode xerar poboacións de bacterias resistentes a dito antibiótico. Por outro lado, os antibióticos e antimicrobianos son totalmente ineficaces nas enfermidades virais, polo que o seu uso debe evitarse neses casos.[9]