Anticodón
composto químico / From Wikipedia, the free encyclopedia
O anticodón[1] é unha secuencia de tres nucleótidos ou triplete que se encontra no extremo do brazo anticodón dos ARNt, e que exerce un importante papel na síntese de proteínas nos ribosomas. A información utilizada directamente para a síntese de proteínas encóntrase nos codóns do ARNm. A sucesión de codóns do ARNm determina a secuencia de aminoácidos da proteína, xa que conforme o ARNm vai pasando polo ribosoma é descodificado. O encargado de traer os aminoácidos ao ribosoma é o ARNt, e o anticodón é fundamental para que se introduza en cada momento o aminoácido correcto que se debe enlazar na cadea proteica en crecemento. Durante a tradución de proteínas o anticodón únese ao codón.