Arquitectura
arte e técnica humana de deseñar, proxectar e construír edificios e lugares públicos / From Wikipedia, the free encyclopedia
O termo arquitectura (en latín architectura, do grego ἀρχιτέκτων ; ἀρχι: "xefe" e τέκτων: "construtor, carpinteiro") pode ter os seguintes significados:
- A arte e ciencia do deseño e da construción de edificios e outras estruturas físicas.
- A actividade dun arquitecto, cando a arquitectura signifique ofrecer ou vender servizos profesionais ligados ao deseño e construción dun edificio -ou a un grupo de edificios, así como o espazo que os rodea- que ten como principal obxectivo o uso e ocupación humana.
- Un termo xeral para referirmos aos edificios e outras estruturas físicas.
- Un estilo e método de deseño e construción de edificios e outras estruturas físicas.
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Unha definición máis ampla pode comprender toda a actividade do deseño, dende o macronivel do deseño urbano e paisaxismo, até o micronivel dos detalles construtivos e o deseño do mobles. A arquitectura enténdese tanto como o proceso en si mesmo, coma o produto ao que se chega a través do planeamento, deseño e construción da forma, espazo e ambiente que reflicten consideracións funcionais, técnicas, sociais e estéticas. Require da manipulación creativa e da cordinación do material a usar; así como da súa tecnoloxía, luz e sombra. A arquitectura engloba tamén algúns aspectos pragmáticos da creación dos edificios e estruturas, incluíndo a programación e control da execución, a medición e estimación dos custos, e a administración do proceso edificatorio. A través desa documentación producida polos arquitectos, especialmente planos, debuxos e especificacións técnicas, a arquitectura define a estrutura creada e/a personalidade do edificio ou sistema que foi ou vai ser construído.
As obras de arquitectura son percebidas en moitas ocasións como símbolos culturais e políticos, así como obras de arte. Algunhas civilizacións históricas, como a Antiga Grecia ou o pobo Inca, son idendificadas con frecuencia cos seus logros arquitectónicos.
A palabra arquitectura refírese tamén en moitas ocasións á actividade do deseño de calquera outro sistema, non tendo que estar necesariamente relacionado con mundo da edificación. O termo pode atoparse con grande facilidade no mundo da tecnoloxía da información ou da enxeñaría informática.