Ascaris lumbricoides
From Wikipedia, the free encyclopedia
Ascaris lumbricoides[1] é unha especie de vermes nematodos parasitos do intestino delgado humano,[2] moi frecuente en países subdesenvolvidos economicamente cun sistema de saneamento e tratamento dos alimentos e auga inadecuado, pero pode darse en todo o mundo. A enfermidade que produce denomínase ascaridíase. A este animal tamén se lle chama ascaris ou lombriga (aínda que hai outras lombrigas intestinais doutras especies e xéneros). Unha especie moi similar que parasita ao porco é o Ascaris suum.
Ascaris lumbricoides | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
A. lumbricoides, femia adulta | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Ascaris lumbricoides Linnaeus, 1758 |
O animal é cilíndrico cos extremos adelgazados e sen aneis. Posúe unha gran resistencia metabólica e unha gran capacidade de reprodución, o que explica a grande incidencia de casos nos que infecta aos humanos. É o maior nematodo que parasita o ser humano e pode medir entre 15 e 35 cm. As femias de Ascaris son meirandes ca os machos. O contaxio prodúcese pola inxestión dos seus ovos, que foron expulsados coas feces, maduran no medio ambiente e son moi resistentes e duradeiros.
Estas lombrigas nunca se adhiren á parede intestinal (como faría unha tenia), xa que habitan na luz do intestino, onde absorben os nutrientes que o hóspede inxire. Algunhas estimacións elevan a máis de dous mil millóns o número de persoas infectadas por este parasito no mundo.[3]