Bacteriófago
virus que infecta e se replica dentro de bacterias e arqueas / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un bacteriófago, abreviado informalmente como fago, é un virus que infecta e se replica dentro de bacterias e arqueas. O termo deriva de "bacteria" e do grego φαγεῖν (fagein), 'devorar'. Os bacteriófagos están compostos de proteínas que encapsulan o seu xenoma de ADN ou ARN, e poden ter estruturas simples ou moi elaboradas. Os seus xenomas poden codificar desde só catro xenes (caso do bacteriófago MS2) ata centos. Miden de 20 a 200 nm aproximadamente.[1] Os fagos replícanse dentro da célula procariota despois de inxectar o seu xenoma no seu citoplasma.
Os bacteriófagos están entre as entidades máis comúns e diversas da biosfera.[2] Son un tipo de virus que se encontra en todas os sitios en que existan bacterias. Estímase que hai máis de 1031 bacteriófagos no planeta, máis que calquera outro organismo da Terra, incluídas todas as bacterias combinadas.[3] Unha das fontes naturais máis densas de fagos e outros virus é a auga do mar, onde se atoparon ata 9·108 virións por mililitro en tapetes microbianos na superficie,[4] e ata un 70% das bacterias mariñas poden ser infectadas por fagos.[5]
Os fagos infectan só bacterias específicas. Algúns fagos son virulentos e destrúen inmediatamente a bacteria na que se reproducen, pero outros, chamados fagos temperados poden integrar o seu material xenético no ADN da bacteria e ser inocuos ou establecerse dentro da célula como se fosen plásmidos. Estes fagos endóxenos denomínanse profagos e replícanse xunto con todo o ADN cando a célula divide, polo que cada bacteria filla os leva. En certos momentos os fagos endóxenos actívanse e replícanse como virus virulentos destruíndo a célula. Nalgúns casos, os profagos poden ser mesmo beneficiosos para o hospedador, dándalle novas funcionalidades ao xenoma da bacteria, o que se chama conversión lisoxénica. Un exemplo é a bacteria Vibrio cholerae, que contén un fago, que codifica a toxina do cólera.[6]
Os fagos foron utilizados desde finais do século XX como alternativa aos antibióticos na antiga Unión Soviética e en Europa Central e tamén en Francia.[7][8] Considéranse unha posible terapia contra as cepas resistentes a multifármacos de moitas bacterias (terapia de fagos).[9] Por outra parte, os fagos do grupos dos Inoviridae observouse que complican as biopelículas implicadas na pneumonía e fibrose quística e protexen as bacterias dos fármacos que se usan para erradicar esas doenzas, promovendo así infeccións persistentes.[10]
Utilízanse tamén en investigación biolóxica en técnicas como o phage display, vectores de clonación e outras, e teñen aplicacións na industria alimentaria, farmacolóxica, diagnósticos clínicos e asepsia.