Balor mucilaxinoso
From Wikipedia, the free encyclopedia
Balor (ou mofo) mucilaxinoso (ou mucoso) é un termo de significado amplo que se usa para designar certos grupos de organismos protistas que utilizan esporas para reproducirse, pero que non ten significado taxonómico. Os balores mucilaxinosos foron inicialmente clasificados como fungos, xa que se parecían a eles, pero xa non son considerados parte do reino dos fungos, polo que non hai que confundilos cos verdadeiros balores ou mofos, que si o son.[1] O termo inclúe a grupos diversos, que non están relacionados entre si, pero aínda se usa moito por conveniencia para agrupar a certo tipo de protistas.
Hai máis de 900 especies de balores mucilaxinosos ou mofos mucosos, cunha gran variedade de cores, distribuídos por todo o mundo. O seu nome común débese a que durante parte do seu ciclo de vida estes organismos forman unha mucilaxe xelatinosa na que están incluídas moitas células. Esta fase do ciclo vese principalmente nos Myxogastria, que son mofos mucosos macroscópicos grandes. A maioría dos balores mucilaxinosos son de tamaño menor a uns poucos centímetros, pero algunhas especies poden chegar a ter áreas de varios metros cadrados e masas de ata 30 gramos.[2]
Moitos balores mucilaxinosos, concretamente os chamados balores mucilaxinosos "celulares", en realidade non pasan a maior parte da súa vida neste estado. Se teñan alimento dabondo, estas especies permanecen en forma de organismos unicelulares. Pero cado escasea o alimento, moitos deles congréganse e empezan a moverse todos xuntos como se fosen un só corpo. Neste estado son sensibles a compostos químicos que flotan no aire e poden detectar as fontes de alimento. Poden facilmente cambiar a forma e función das súas partes e poden formar pedúnculos que producen corpos frutíferos, dos que se liberan innumerables esporas, que son o suficientemente lixeiras como para que as leve o vento ou as transporten sen querer os animais que pasan.[3]
Aliméntase de microorganismos que viven sobre todo tipo de material vexetal morto. Contribúen á descomposición da vexetación morta, e aliméntanse de bacterias, lévedos e fungos. Por esta razón, os mofos mucosos atópanse xeralmente no solo, céspedes, e no chan dos bosques, xeralmente sobre troncos caídos. Porén, nos trópicos tamén son comúns en inflorescencias, froitas, e en ambientes máis aéreos, como as copas das árbores. En áreas urbanas, poden atoparse no humus superficial ou mesmo en follas descompostas que quedan nos caleiros de escoamento de tellados, e tamén poden crecer nos aparellos de aire acondicionado, especialmente se as drenaxes están bloqueadas. Un dos balores mucilaxinosos máis comúns é a especie de cor amarela Physarum polycephalum, que se encontra nos bosques e se usa moito en laboratorios.