Biogás
From Wikipedia, the free encyclopedia
O biogás é un gas combustible que se xera en medios naturais ou en dispositivos específicos, por medio de reaccións de biodegradación da materia orgánica pola acción de microorganismos e outros factores, en ausencia de oxíxeno (é un proceso anaeróbico). O biogás resultante é unha mestura de gases dos cales o máis importante é o metano (CH4). Pode producirse a partir de materiais dispoñibles local ou rexionalmente como lixo reciclado ou outros materiais biodegradables como esterco, residuos vexetais ou de colleitas, e augas residuais. É unha fonte de enerxía renovable e en moitos casos produce unha signatura de cabono moi pequena. A este gas tamén se lle chama gas dos pantanos, porque neles se produce unha biodegradación de residuos vexetais semellante á descrita que xera este gas.
A produción de biogás por descomposición anaeróbica é un modo considerado útil para tratar residuos biodegradables, xa que produce un combustible valioso, ademais de xerar un efluente que pode aplicarse como acondicionador de solos ou fertilizante agrícola xenérico.
O biogás é unha mestura de gases constituída por metano (CH4) nunha proporción entre o 50% e o 70% en volume, e dióxido de carbono (CO2), e contén pequenas proporcións doutros gases como hidróxeno (H2), nitróxeno (N2), oxíxeno (O2) e sulfuro de hidróxeno (H2S).[1] O biogás ten como termo medio un poder calorífico entre 18,8 e 23,4 megajoules por metro cúbico (MJ/m³).
Este gas pode utilizarse para producir enerxía eléctrica mediante turbinas ou plantas xeradoras que funcionan con gas, ou en fornos, estufas, secadores, caldeiras ou outros sistemas de combustión a gas, debidamente adaptados.