Blade Runner
filme de 1982 dirixido por Ridley Scott / From Wikipedia, the free encyclopedia
Blade Runner é un filme de ciencia ficción, cyberpunk e cinema negro de 1982 dirixido por Ridley Scott e protagonizado por Harrison Ford, Rutger Hauer, Sean Young, Edward James Olmos e Daryl Hannah. O guión, escrito por Hampton Fancher e David Peoples, foi unha adaptación libre da novela de 1968 Soñan os androides con ovellas eléctricas? de Philip K. Dick. Estreouse en galego na TVG o 30 de maio de 2010. O director de dobraxe foi Tacho González.
Blade Runner | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Blade Runner |
Director | Ridley Scott |
Produtor | Michael Deeley |
Guión | Hampton Fancher David Peoples |
Baseado en | Soñan os androides con ovellas eléctricas? de Philip K. Dick |
Intérpretes | Harrison Ford Rutger Hauer Sean Young Edward James Olmos Daryl Hannah |
Música | Vangelis |
Fotografía | Jordan Cronenweth |
Montaxe | Terry Rawlings Marsha Nakashima |
Estudio | The Ladd Company |
Distribuidora | Warner Bros. |
Estrea | 25 de xuño de 1982[1] 30 de maio de 2010 (TVG)[2] |
Duración | 117 minutos[3] |
Orixe | Estados Unidos[1][4] |
Xénero | Ciencia ficción, cyberpunk, cinema negro |
Orzamento | 28 000 000 $[5] |
Recadación | 33 770 893 $[6] |
Na rede | |
https://www.warnerbros.com/blade-runner | |
O filme ten lugar nun Os Ánxeles distópico no que a empresa Tyrrell Corporation fabrica uns androides denominados replicantes, visualmente indistinguibles dos humanos adultos. O uso destes replicantes na Terra está prohibido e empréganse soamente para traballos perigosos ou de pouca importancia nas colonias espaciais. Uns axentes especiais de policía coñecidos como "Blade Runners" encárganse de perseguir e matar ("retirar") a aqueles replicantes que desafían a prohibición e retornan á Terra. O argumento céntrase nun grupo de replicantes que acaba de escapar agochándose na cidade dos Ánxeles e no queimado Blade Runner experto Rick Deckard, quen a desgana acepta o traballo para cazalos.
Blade Runner recibiu críticas divididas da crítica trala súa estrea. Algúns críticos queixáronse do ritmo do filme, mentres que outros eloxiaron a súa complexidade temática. Ó ano seguinte da súa estrea, o filme gañou o Premio Hugo á Mellor Presentación Dramática. Nos cinemas norteamericanos non conseguiu unha boa recadación, pero dende entón pasou a estar considerado un filme de culto. Eloxiada polo seu deseño de produción, representando un futuro postapocalíptico e "retromodernizado", considérase un dos mellores exemplos do xénero neo-noir.[7] Grazas a este filme a obra de Philip K. Dick recibiu unha maior atención de Hollywood, dando paso a varios filmes posteriores baseados nas súas obras literarias.[8] Ridley Scott chegou a afirmar que Blade Runner era probablemente o seu filme máis completo e persoal.[9][10] A Biblioteca do Congreso seleccionouno en 1993 para a súa conservación no National Film Registry dos Estados Unidos por ser "culturalmente, historicamente ou esteticamente significativo", e gran parte da crítica moderna considérao un dos mellores filmes de ciencia ficción de tódolos tempos.
Emitíronse sete versións distintas do filme para varios mercados como resultado de varios cambios controvertidos por parte dos executivos do filme. En 1992 publicouse unha versión do director (Director's Cut) tras unha grande acollida da proxección dun workprint do filme. Grazas a isto e á súa popularidade no alugueiro de vídeo axudou a súa venda como un dos primeiros filmes publicados en DVD, nun disco básico cunha imaxe e calidade de son considerados mediocres.[11] En 2007 Warner Bros. publicou a versión The Final Cut, unha versión remasterizada dixitalmente co gallo do seu 25º aniversario, sendo esta a única na que Scott tivo unha liberdade artística completa. Esta versión final proxectouse en varios cinemas seleccionados e publicouse posteriormente en DVD, HD DVD e Blu-ray.