Bosón de Higgs
partícula elemental / From Wikipedia, the free encyclopedia
O bosón de Higgs, tamén chamado bosón escalar (polo propio Peter Higgs, pois o termo bosón dinos que ten un spin -xiro- enteiro, e escalar que o valor do xiro é 0), é unha partícula elemental masiva teorizada no ano 1964 dentro do esquema do modelo estándar da física de partículas. É a derraderia partícula do modelo estándar que foi observada, confirmouse a súa existencia polo CERN o 14 de marzo de 2013 -os resultados preliminares comunicáronse publicamente o 4 de xullo de 2012-, e desenvolve un papel importante na explicación da existencia do mecanismo do Campo de BEH ou Campo de Higgs, que da orixe a masa doutras partículas elementais, en particular a diferenza entre o fotón (sen masa) e os bosóns W e Z (relativamente pesados). As partículas elementais con masa e a diferenza entre electromagnetismo (causado polos fotóns) e a forza débil (causada polos bosóns W e Z) son críticos en moitos aspectos da estrutura microscópica (e así macroscópica) da materia.
O mecanismo de Higgs, o que dá masa ó vector bosón, foi teorizado en 1964 por Peter Higgs, François Englert e Robert Brout que traballaban nas ideas de Philip Anderson, e independentemente por G. S. Guralnik, C. R. Hagen e T. W. B. Kibble.[1] Higgs propuxo que a existencia dunha partícula escalar masiva podería ser unha proba da teoría, un comentario engadido a unha carta a Physical Review[2] na que suxeriu na referencia.[3] Steven Weinberg e Abdus Salam foron os primeiros en aplicar o mecanismo de Higgs á ruptura espontánea de simetría electrodébil. A teoría electrodébil predí unha partícula neutra cunha masa non moi afastada á dos bosons W e Z.
O 4 de xullo de 2012 o equipo do CMS (Compact Muon Solenoid) do CERN anunciou o achado dun bosón cunha masa de 125.3 ± 0.6 GeV/c2 e cun nivel de confianza estatística de 4,9 sigma e o equipo do experimento ATLAS ( A Toroidal LHC Apparatus ) amosou datos indicando a observación dunha nova partícula, cun nivel de confianza de 5 sigma, cunha masa arredor de 126 GeV. Estes datos apuntan claramente ao bosón de Higgs. Peter Higgs, François Englert, sendo os dous físicos aínda vivos dos tres, recibiron o Premio Nobel de Física no ano 2013.