Bruxaría
From Wikipedia, the free encyclopedia
A bruxaría[1] é o grupo de crenzas, coñecementos prácticos e actividades atribuídos a certas persoas chamadas meigas (existe tamén a forma masculina, bruxos, aínda que é menos frecuente) que están supostamente dotadas de certas habilidades máxicas que empregan coa finalidade de causar dano.
A crenza na bruxaría é común en numerosas culturas dende a máis remota antigüidade, e as interpretacións do fenómeno varían significativamente dunha cultura a outra.[2] No Occidente cristián, a bruxaría relacionouse frecuentemente coa crenza no Diaño, especialmente durante a Idade Moderna, en que se desatou en Europa unha obsesión pola bruxaría que desembocou en numerosos procesos e execucións de meigas (o que se denomina «caza de bruxas»).[3][4] Algunhas teorías relacionan a bruxaría europea con antigas relixións pagás da fertilidade, aínda que ningunha delas puido ser demostrada. As meigas teñen unha grande importancia no folclore de moitas culturas, e forman parte da cultura popular.
Aínda que este é o concepto máis frecuente do termo «bruxa», dende o século XX o termo foi reivindicado por seitas ocultistas e relixións neopagás, como a Wicca, para designar a todas aquelas persoas que practican certo tipo de maxia, sexa esta maléfica (maxia negra) ou benéfica (maxia branca), ou ben ós adeptos dunha determinada relixión.[2][5] É considerada a bruxaría, unha forma de espiritismo.
Un uso máis extenso do termo emprégase para designar, en determinadas sociedades, ós magos ou xamáns.