Canle iónica
From Wikipedia, the free encyclopedia
As canles iónicas[1] son un tipo de proteína transmembrana que permite o paso de ións específicos ou auga a través da membrana plasmática. A súa estrutura é semellante a un poro ou canle cheo de auga cun sistema de comportas para abrilo ou pechalo. O seu funcionamento permite a xeración de potenciais de acción en células excitables, o mantemento da homeostase interna das células, a subministración de produtos ou condicións necesarias para realizar funcións biolóxicas tales como a síntese de hormonas, a produción de moco e outras.[2][3] Poden encontrarse na membrana plasmática ou en membranas internas como as do retículo endoplasmático ou mitocondrias.
Así, as canles iónicas son proteínas que controlan o paso de ións a través da membrana plasmática tales como Na+, K+, Ca2+ e Cl− e, por tanto, dependen do gradiente electroquímico de cada ión en particular. No caso de células excitables como os miocitos e as neuronas, o gradiente dos distintos ións establece o potencial de repouso da membrana e a activación de determinadas canles xera os potenciais de acción para a execución da contracción muscular, a liberación de neurotransmisores e a regulación da expresión xenética, entre outras funcións. No caso de células non excitables, as canles iónicas determinan o fluxo de sal e auga, regulando o volume celular e o pH.[4]
As canles iónicas son estruturalmente moi diversas; porén, teñen características comúns. Tipicamente actúan como comportas, abríndose ou pechándose ante diferentes estímulos tales como: o potencial de membrana, a unión de neurotransmisores, a concentración de certos ións ou forzas mecánicas. Unha vez abertos, o fluxo de diferentes ións pode chegar a 106 ou 107 ións por segundo. Poden ser particularmente selectivos para un ión específico, como as canles de sodio, as de potasio e as de calcio; ou non seren selectivas, como os receptores nicotínicos.[4][5]