Canonización
proceso mediante o que o Igrexa católica declara santa a unha persoa falecida / From Wikipedia, the free encyclopedia
A canonización[1] é o acto mediante o cal a Igrexa católica, tanto no seu rito oriental como no occidental, declara como santa a unha persoa falecida. Este proceso comprende a inclusión da devandita persoa no canon, a lista de santos recoñecidos, así como o permiso para a venerar. Ademais, asígnaselle unha festa litúrxica, dedícanselle igrexas, capelas ou altares, e recoñécese o seu poder de intercesión ante Deus.
Nos primeiros tempos do cristianismo, os individuos eran recoñecidos como santos sen requirimentos ou procesos formais. O proceso comezou a regularizarse e tomar forma na Idade Media.
Tanto a Igrexa católica como a ortodoxa posúen as súas formas e mecanismos de canonización.
No caso do catolicismo, o recoñecemento da santidade efectúase, na actualidade, despois dun proceso de investigación exhaustivo da vida da persoa implicada. Existen catro vías (tres tradicionais, e unha cuarta aberta polo papa Francisco co motu propio Maiorem hac dilectionem, co parecer favorable da Congregación para as Causas dos Santos na sesión plenaria do 27 de setembro de 2016) para chegar ás declaracións de beatificación e canonización:[2][3][4]
- A vía das virtudes heroicas;
- A vía do martirio;
- A vía das causas excepcionais, confirmadas por un culto antigo e fontes escritas, chamada tamén «beatificación/canonización equivalente»;
- A vía do ofrecemento da vida, proposta no motu propio Maiorem hac dilectionem.
No proceso de canonización establécese a dúbida procesual de se o candidato a santo viviu as virtudes cristiás en grao heroico, ou se sufriu martirio por causa da fe. Ademais, para chegar á canonización requírese da realización confirmada de dous milagres (un só no caso do mártir).
A canonización lévase a cabo mediante unha solemne declaración papal de que unha persoa está, con toda certeza, contemplando a visión de Deus.
O nome da persoa inscríbese na lista dos santos da Igrexa. Polo tanto, elévase aos altares, é dicir, asígnaselle un día de festa para a súa veneración litúrxica por parte da Igrexa católica.
O tempo transcorrido entre a morte e a canonización dos santos foi sumamente variable: desde séculos —tal o caso de san Pedro Damián, canonizado 756 anos tras a súa morte—, até menos dun ano. Entre estes últimos casos, poden citarse os exemplos de santo Antonio de Padua, canonizado 352 días despois do seu deceso, e de san Pedro de Verona, cuxo proceso de canonización tivo unha duración de tan só 337 días.[5]