Catedral de Etchmiadzin
Patrimonio da Humanidade de Armenia / From Wikipedia, the free encyclopedia
A catedral de Etchmiadzin (en armenio: Էջմիածնի մայր տաճար; Ēǰmiatsni mayr tačar) ou catedral da Santa Etchmiadzin[1][2] é a igrexa nai da Igrexa apostólica armenia. Atópase na cidade coñecida de maneira dual como Etchmiadzin (Ejmiatsin) ou Vagharshapat, en Armenia.[3][4] É considerada a primeira catedral construída na antiga Armenia, e a miúdo considérase a catedral máis antiga do mundo.
Catedral de Etchmiadzin | |
---|---|
Vista da catedral. | |
Patrimonio da Humanidade - UNESCO | |
País | Armenia |
Localización | Vagharshapat |
Tipo | Cultural |
Criterios | ii, iii |
Inscrición | 2000 (XXIV edición) |
Rexión da UNESCO | Europa |
Identificador | 1011 |
Este artigo amosa escritos armenios. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
A igrexa orixinal foi construída a comezos do século IV[5] —entre o 301 e o 303 segundo a tradición— polo santo patrón de Armenia Gregorio o Iluminador, tras a adopción do cristianismo como relixión estatal polo rei Tiridates III. Foi construído sobre un templo pagán, simbolizando a conversión do paganismo ao cristianismo. O núcleo do edificio actual foi construído en 483/4 por Vahan Mamikonian despois de que a catedral fose gravemente danada nunha invasión persa. Dende a súa fundación ata a segunda metade do século V, Etchmiadzin foi a sé do Catholicos, o xefe supremo da Igrexa armenia.
Como o centro do cristianismo armenio, Etchmiadzin foi un lugar importante en Armenia non só relixiosamente, senón tamén política e culturalmente.[6] Un importante lugar de peregrinación, é un dos lugares máis visitados do país.[7] Xunto con varias igrexas medievais importantes situadas nas proximidades, a catedral foi catalogada como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 2000.[8]