Ciclo hidrolóxico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O ciclo hidrolóxico ou ciclo da auga é un ciclo bioxeoquímico que describe o movemento continuo da auga tanto na superficie terrestre coma por riba e baixo dela. A masa da auga na Terra permanece bastante constante ao longo do tempo mais a cantidade presente nos maiores reservorios de xeo, auga doce, auga salgada e auga atmosférica é variable dependendo dun amplo rango de variables climáticas. A auga móvese dun reservorio a outro, coma dos ríos aos océanos, ou destes á atmosfera, mediante os procesos físicos da evaporación, condensación, precipitación, infiltración, escorras e fluxo subterráneo. Nestes procesos a auga pasa por diferentes estados: líquido, sólido (xeo) e vapor.
O ciclo da auga implica o intercambio de enerxía, que produce cambios de temperatura. Cando a auga se evapora, toma enerxía do seu arredor e arrefría o ambiente. Cando se condensa, libera enerxía e quenta o ambiente. Estes intercambios de calor inflúen no clima
A fase de evaporación do ciclo purifica a auga que despois enche a terra con auga doce. O fluxo de auga líquida e xeo transporta minerais a través do globo terrestre. Tamén participa na remodelación das características xeolóxicas da Terra a través de procesos coma a erosión e a sedimentación. O ciclo hidrolóxico é tamén esencial para o mantemento da maioría dos ecosistemas do planeta.
A auga é constantemente absorbida pola atmosfera en forma de vapor. Procede de océanos, lagos, ríos e a transpiración dos seres vivos, principalmente dos vexetais. O vapor, ao arrefriarse, condénsase e conxélase, e cae en forma de choiva, xeo, sarabia ou neve. A meirande parte das precipitacións caen sobre o mar, pero unha cuarta parte cae sobre a terra, evaporándose a metade das mesmas pouco despois de caer. O resto volve de novo aos océanos, comezando así, novamente, o ciclo.