Transpiración vexetal
From Wikipedia, the free encyclopedia
A transpiración vexetal consiste na perda de auga en forma de vapor que se produce nas plantas. Ás follas das plantas chega gran cantidade de auga que foi absorbida polas raíces, mais só unha pequena parte se utiliza na fotosíntese, e o resto transpírase. Unha planta de millo perde uns 200 kg de auga por transpiración durante o seu ciclo de vida, e unha árbore mediana pode perder uns 5000 kg nun mes. Entre un 50 e un 85 % da auga de chuvia que cae nun terreo con vexetación volve á atmosfera pola transpiración das plantas.[1]
A principal función da transpiración é eliminar en forma de vapor a auga que non é utilizada polas plantas. Ademais, a auga transpirada permite o arrefriamento da planta, debido á elevada calor de vaporización da auga (é dicir, para evaporarse necesita consumir moitas calorías). Por esta causa a temperatura da folla pode ser de 10 a 15 °C menor que a do aire circundante.
Normalmente é moi difícil distinguir a transpiración da evaporación procedente do solo polo que o fenómeno completo se denomina "evapotranspiración", a cal é un parámetro importante no deseño das técnicas de regadío que é máis conveniente utilizar.