Clorófitas
From Wikipedia, the free encyclopedia
As clorófitas (ou clorófitos) ou Chlorophyta son unha división das algas verdes. O nome utilízase na literatura científica en dous sensos moi distintos, polo que debe terse coidado co significado que lle está dando cada autor. Estes dous sensos son:
- Nos sistemas de clasificacións vellos, refírese a un grupo moi parafilético que comprende todas as algas verdes incluídas hoxe dentro das plantas verdes (Viridiplantae) e abrangue unhas 7.000 especies[7][8] de organismos eucarióticos fotosintéticos e maiormente acuáticos. Por tanto, incluiría tamén as carófitas. Para este significado véxanse máis detalles no artigo algas verdes.
- Nas clasificacións máis modernas, o grupo defínese como un dos clados que constitúen as Viridiplantae, que están formadas polos clados das clorófitas e das estreptófitas. O clado Streptophyta consta de dúas divisións: Charophyta e Embryophyta.[9][10] Tomado neste senso Chlorophyta ten un significado máis restrinxido e comprende só unhas 4.300 especies.[5]
Clorophyta | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
"Siphoneae" da obra de Ernst Haeckel Kunstformen der Natur, 1904 | |||||||
Clasificación científica | |||||||
| |||||||
Clases[5] | |||||||
| |||||||
Sinonimia | |||||||
|
Igual que as plantas terrestres (briófitas e traqueófitas), as algas verdes conteñen clorofila a e clorofila b e almacenan alimento en forma de amidón[7] nos seus plastidios.
A división contén tanto especies unicelulares coma pluricelulares. Aínda que a maioría das especies viven en hábitats de auga doce e un gran número en hábitats mariños, outras especies están adaptadas a unha ampla variedade de ambientes. A alga Chlamydomonas nivalis, pertencente á clase Chlorophyceae, vive en zonas nevados de montaña. Outras especies viven pegadas ás rochas ou ás partes leñosas das árbores. Algúns liques son unha simbiose entre fungos e algas verdes (outros teñen bacterias fotosintéticas en vez de algas).
Outras especies de Chlorophyta establecen tamén relacións simbióticas con protozoos, esponxas, e cnidarios. Todas son flaxeladas,[11] e isto ten a vantaxe da motilidade. Algunhas realizan a reprodución sexual oógama ou isógama.