Coláxeno
proteína máis abundante nos animais / From Wikipedia, the free encyclopedia
Coláxeno[1] é a denominación dun grupo de proteínas animais, que abundan especialmente na carne e tecido conectivo dos vertebrados.[2] É o principal compoñente do tecido conectivo, e é a proteína máis abundante nos animais,[3] xa que supón aproximadamente entre o 25% e o 35% do total das proteínas corporais. O coláxeno, en forma de fibrilas alongadas, é abundante nos tecidos fibrosos como tendóns, ligamentos e pel, e tamén na córnea, cartilaxe, óso, vasos sanguíneos, intestinos, discos intervertebrais etc. No tecido muscular o coláxeno é un dos principais compoñentes do endomisio. O coláxeno constitúe o 1 ou 2 % do tecido muscular, e supón o 6% do peso dos músculos tendinosos fortes (pero non ten nada que ver coas proteínas que causan a contracción muscular, actina e miosina).[4]
Os coláxenos máis abundantes son os que forman fibras, pero tamén os hai que forman mallas ou conexións entre moléculas da matriz extracelular.
A principal célula que fabrica coláxeno é o fibroblasto. A xelatina, que se usa na alimentación e na industria, está feita de coláxeno irreversiblemente hidrolizado.