From Wikipedia, the free encyclopedia
A Comisión de Moeda, Pesos e Medidas (en inglés: Committee on Coinage, Weights, and Measures) foi unha comisión permanente constituída na Cámara de Representantes dos Estados Unidos e que estivo vixente entre 1864 e 1946.
O seu nome orixinal foi Comisión para un Sistema Uniforme de Moeda, Pesos e Medidas, e en 1867 acurtouse a Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, forma en que se mantivo ata á súa cancelación en 1946.[1][2]
A Comisión creouse o 21 de xaneiro de 1864, como resultado dos esforzos do representante por Iowa Johnson A. Kasson, vicepresidente da Sociedade Metrolóxica Americana. Kasson foi nomeado como primeiro presidente da nova comisión,[3] que tiña como un dos seus obxectivos aliviar en parte a elevada carga de traballo que naquel momento tiña a Comisión de Medios e Arbitrios da Cámara de Representantes.[1][2]
Kasson era un firme partidario do sistema métrico decimal como medio máis seguro de garantir a uniformidade internacional, e este foi un dos obxectivos asumidos pola Comisión. No seu primeiro informe anual, de 1866, líase:[4]
“ | A Cámara de Representantes [...] mediante unha emenda das súas regras [estableceu] unha comisión permanente para asumir a xurisdición desta gran reforma. Como os esforzos para levar a cabo esa reforma foran ata daquela espasmódicos máis que consecutivos, considerouse acaído cristalizalos a través da acción dunha comisión permanente, ante a cal deberían reaparecer perpetuamente ata que o gran desiderátum concedido se convertese nun feito consumado. | ” |
Xa no primeiro ano da súa existencia, a Comisión presentou tres proxectos de lei relativos á moeda que acabaron converténdose en lei: o primeiro esixía que as moedas dun centavo se fabricasen en cobre e non en níquel, como sucedía entón, e os dous restantes centrábanse na persecución da falsificación e en facilitar o troco de metais preciosos polo seu valor en moedas.[5]
Ao longo dos seus 82 anos de historia, a Comisión tamén foi a responsable de diversas leis sobre pesos e medidas e xogou un papel salientable na controversia acerca do bimetalismo ouro-prata no sistema monetario a finais do século XIX. Tamén aprobou a creación da Oficina Nacional de Estándares e de varias oficinas de ensaio de metais preciosos.[5]
En 1921, a parte das competencias desta comisión relativa á estabilización da moeda transferíuselle á Comisión de Banca e Moeda da Cámara de Representantes. Finalmente, en 1946, a Comisión de Moeda, Pesos e Medidas acabou por disolverse, en virtude da Lei de Reorganización Lexislativa, xa que as súas competencias en materia de cuñaxe de moeda, que aínda conservaba, foron transferidas á mesma comisión de Banca e Moeda, en tanto que a xurisdición relacionada cos pesos e as medidas se transferiu á Comisión de Comercio Interestatal e Exterior da mesma cámara.[1][2]
O ámbito xurisdicional da Comisión de Moeda, Pesos e Mediadas da Cámara de Representantes abranguía exactamente os temas relacionados no seu nome: a moeda, os pesos e as medidas. A parte relativa á cuñaxe de moedas atinxía a definición e a fixación do seu valor e os procesos de cuñaxe e de cambio, e abarcaba aspectos tan diferentes como as cuñaxes en prata e a adquisición do metal, o cambio das moedas de ouro polo seu equivalente en metal, a substitución de moedas gastadas, a emisión de moedas conmemorativas ou a fixación do valor da moeda nas posesións insulares dos Estados Unidos.[1][2]
As competencias da Comisión estendíanse tamén á regulación da Casa da Moeda dos Estados Unidos e as súas cecas sucursais, así como das oficinas de ensaios.[2]
Esta é unha listaxe dos representantes nos que recaeu a presidencia da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, desde o seu establecemento en 1864 ata a súa disolución en 1946:[2]
Membro da Cámara de Representantes | Partido político | Estado reprtesentado | Nº de Congreso | Período |
---|---|---|---|---|
John A. Kasson [4] | Republicano | Iowa | 38º-39º | 1864-1867 |
William D. Kelley | Pensilvania | 40º | 1867-1869 | |
David Heaton | Carolina do Norte | 41º | 1869-1871 | |
William D. Kelley | Pensilvania | 41º - 42º | 1871-1873 | |
Samuel Hooper | Massachusetts | 42º - 43º | 1873-1874 | |
Sherman Otis Houghton | California | 43º | 1874-1875 | |
Alexander H. Stephens | Demócrata | Xeorxia | 44º - 46º | 1875-1881 |
Horatio Gates Fisher | Republicano | Pensilvania | 47º | 1881-1883 |
Richard P. Bland | Demócrata | Missouri | 48º - 50º | 1883-1889 |
Charles Preston Wickham | Republicano | Ohio | 51º | 1889-1891 |
Richard P. Bland | Demócrata | Missouri | 52º - 53º | 1891-1895 |
Charles Warren Stone | Republicano | Pensilvania | 54º - 55º | 1895-1899 |
James H. Southard | Ohio | 56º - 59º | 1899-1907 | |
William B. McKinley | Illinois | 60º - 61º | 1907-1911 | |
Thomas W. Hardwick | Demócrata | Xeorxia | 62º - 63º | 1911-1915 |
William A. Ashbrook | Ohio | 64º - 65º | 1915-1919 | |
Albert Henry Vestal | Republicano | Indiana | 66º - 68º | 1919-1925 |
Randolph Perkins | Nova Jersey | 69º - 71º | 1925-1931 | |
Andrew Lawrence Somers | Demócrata | NovaYork | 72º - 78º | 1931-1945 |
Compton I. White | Idaho | 79º | 1945-1946 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.