capacidade e habilidade para resolver problemas e a vontade de facelo From Wikipedia, the free encyclopedia
As competencias básicas fan referencia á capacidade de poñer en práctica de forma integrada o conxunto de coñecementos, actitudes e habilidades adquiridos durante o proceso de aprendizaxe.
En España, aparecen por primeira vez mencionadas na Lei Orgánica de Calidade da Educación (LOCE, 2002). Porén, a súa aplicación non xorde ata a Lei Orgánica de Educación de maio de 2006, e son concretadas en Galiza no currículo que establece a ordenación da educación primaria, aprobado polo Parlamento de Galicia o 28 de xuño de 2007. Tales competencias son modificadas pola Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE),[1] que se concretan no Real Decreto 126/2014.[2] Estas competencias son a concreción das competencias xerais ditadas pola Unión Europea como obxectivo para que toda a súa cidadanía teña unha serie de habilidades no futuro.
A orixe deste concepto remóntase ao ano 1996, cando se publica o Informe Delors[3] da UNESCO, tamén coñecido coma “a educación encerra un tesouro”. Neste informe establecíanse catro piares que debía fomentar a educación, para poder desenvolvelos ao longo da vida. Neste informe, non se lle concedía tanta importancia ás competencias teóricas actuais, senón que se centra nas competencias sociais, coma “aprender a facer”, “aprender a coñecer”, “aprender a ser” ou “aprender a vivir xuntos”.
O concepto de Competencias Básicas tal como e o coñecemos hoxe, data do ano 2000, cando se celebra o Consello Europeo de Lisboa, onde por primeira vez se fai unha alusión á necesidade do alumnado de adquirir novas competencias, co que conseguir mellores oportunidades de aprendizaxe para todos os alumnos de todas as idades e niveis educativos.
En 2002 a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), a través do Proyecto DeSeCo (Definición y Selección de Competencias) realizou unha análise e proposta das competencias consideradas fundamentais ou claves.
A finais de 2004 a Comisión Europea aprobou o documento “Competencias clave, un marco de referencia europeo”, baixo o consenso dos estados membros da Unión Europea. Tras ese consenso, a normativa diríxese ao Estado Español en maio de 2006, coa incorporación das competencias básicas á Lei Orgánica de Educación (LOE) e, polo tanto, ao currículo escolar. A definición que fai a Comisión Europea das Competencias Básicas é a seguinte:
Un conjunto de conocimientos, destrezas y actitudes que todos los individuos necesitan para su realización y desarrollo personal, inclusión y empleo, debiendo ser desarrolladas para el final de la enseñanza obligatoria y que deberían actuar como la base para un posterior aprendizaje a lo largo de la vida.[4]
Ademais, este mesmo ano, a Comisión Europea estableceu un marco de referencia europeo con oito competencias clave: comunicación en lingua materna; comunicación en linguas estranxeiras; competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía; competencia dixital; aprender a aprender; competencias interpersoais, interculturais e sociais, e competencia cívica; espírito emprendedor; e expresión cultural. Jiménez (2006), sobre a orixe das competencias afirma:
Dende los años 90, la Unión Europea y la OCDE, entre otros organismos internacionales, han venido promoviendo proyectos y estudios sobre el aprendizaje basado en competencias que han ido dando luz a trabajos y publicaciones relevantes (…) hoy día el debate sobre las competencias básicas y los criterios para su selección y evaluación centran la atención de los pedagogos y educadores, además de la de los responsables de política educativa.[5]
Competencia é a capacidade dunha persoa de desenvolver os propios coñecementos e habilidades en contextos e situacións cotiáns, nos que son precisos coñecementos vinculados a diferentes saberes, e por tanto transversais. Ser competente implica comprender as situacións, reflexionar sobre o que está a pasar e discernir sobre a mellor acción a desenvolver de acordo coa dimensión social de cada situación.
O termo competencia inclúe tanto os saberes (coñecementos teóricos) como as habilidades (coñecementos prácticos ou aplicativos) e as actitudes (compromisos persoais). O termo vai máis alá do saber e do saber facer, porque inclúe tamén o saber ser ou estar e o saber aprender. Trátase de aprender a ser e actuar de modo autónomo, aprender a pensar e comunicar, aprender a descubrir e ter iniciativa e aprender a convivir e habitar no mundo.
Diversos autores conceptualizan así o termo Competencias Básicas:
“Facultad de movilizar un conjunto de recursos (saberes, capacidades, informaciones, etc.) para solucionar con eficacia una serie de situaciones cotidianas” (Perrenoud, 2003)[6]
“Posibilidad que posee un individuo de movilizar de manera interiorizada un conjunto integrado de recursos –de conocimientos, de saberes, de esquemas, de automatismos, de capacidades, de «saber-hacer» de diferentes tipos...– con objeto de resolver una familia de situaciones- problema” (Luengo, Luzón y Torres, 2008, 5)[7]
“Un saber actuar complejo que se apoya sobre la movilización y la utilización eficaz de una variedad de recursos. Un saber actuar muy flexible y adaptable a diversos contextos y problemáticas” (Tardif, 2008,3)[8]
A Lei de Educación establece as competencias consideradas básicas para toda persoa que remata a educación primaria e que obtén o título de graduado en educación secundaria.
Para adquirir as competencias básicas, cada área ou materia contribúe de acordo co disposto no currículo, sendo amais a súa finalidade última. Pero non só se considera importante o traballo na aula, senón que tamén se ten moi en conta a propia organización dos centros escolares, as relacións persoais que se establecen, a propia comunicación entre todos os membros da comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias e persoal non docente) e a relación co contorno. Todo xunto, co día a día nos centros escolares, contribúe a que o alumnado poida adquirir as denominadas competencias básicas.
Hai dous grandes grupos: as competencias transversais, que abranguen todo o currículo (as comunicativas, que permiten comprender e expresar a realidade; as metodolóxicas, que permiten activar a aprendizaxe; e as que se relacionan co desenvolvemento persoal) e mais as competencias específicas, relacionadas coa cultura e a visión do mundo que teñen como obxectivo favorecer que os rapaces e rapazas sexan cada vez persoas máis reflexivas, críticas e adecuadas.
Unha vez aprobada a LOE, o goberno elaborou e aprobou reais decretos que regulan as ensinanzas mínimas para a Educación Primaria e a ESO (Real Decreto 1513/2006, de 7 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas da Educación Primaria[9], Real Decreto 1631/2006, de 29 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á Educación Secundaria Obrigatoria).[10] Ambos inclúen un anexo no que se especifican as Competencias Básicas que se desenvolverán ao longo da educación básica. As competencias básicas a desenvolver dentro da LOE son as seguintes:
Coa LOMCE modificáronse as competencias da LOE e establecéronse as seguintes; denominadas coma competencias clave:
– 1ª. Comunicación lingüística (CCL).
– 2ª. Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCT).
– 3ª. Competencia dixital (CD).
– 4ª. Aprender a aprender (CAA).
– 5ª. Competencias sociais e cívicas (CSC).
– 6ª. Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE).
– 7ª. Conciencia e expresións culturais (CCEC).
Nunha sociedade onde o impacto das matemáticas, as ciencias e as tecnoloxías é determinante, a consecución e sostibilidade do benestar social esixe condutas e toma de decisións persoais estreitamente vinculadas á capacidade crítica e a visión razoada e razoable das persoas.
A (CD) é aquela que implica o uso creativo, crítico e seguro das tecnoloxías da información e a comunicación para alcanzar os obxectivos relacionados co traballo, a empregabilidade, a aprendizaxe, o uso do tempo libre, a inclusión e participación na sociedade. Require de coñecementos relacionados coa linguaxe específica básica: textual, numérica, icónica, visual, gráfica e sonora, así como as súas pautas de decodificación e transferencia. Isto leva ao coñecemento das principais aplicacións informáticas. Supón tamén o acceso ás fontes e o procesamiento da información; e o coñecemento dos dereitos e as liberdades que asisten ás persoas no mundo dixital. Igualmente precisa do desenvolvemento de diversas destrezas relacionadas co acceso á información, o procesamento e uso para a comunicación, a creación de contidos, a seguridade e a resolución de problemas, tanto en contextos formais como non formais e informais. A persoa ha de ser capaz de facer un uso habitual dos recursos tecnolóxicos dispoñibles co fin de resolver os problemas reais dun modo eficiente, así como avaliar e seleccionar novas fontes de información e innovacións tecnolóxicas, a medida que van aparecendo, en función da súa utilidade para acometer tarefas ou obxectivos específicos. A adquisición desta competencia require ademais actitudes e valores que permitan ao usuario adaptarse ás novas necesidades establecidas polas tecnoloxías, a súa apropiación e adaptación aos propios fins e a capacidade de interaccionar socialmente ao redor delas. Trátase de desenvolver unha actitude activa, crítica e realista cara ás tecnoloxías e os medios tecnolóxicos, valorando as súas fortalezas e debilidades e respectando principios éticos no seu uso. Por outra banda, a competencia dixital implica a participación e o traballo colaborativo, así como a motivación e a curiosidade pola aprendizaxe e a mellora no uso das tecnoloxías. Para o adecuado desenvolvemento da competencia dixital resulta necesario abordar:
Fundamental para a aprendizaxe permanente que se produce ao longo da vida e que ten lugar en distintos contextos formais, non formais e informais. Supón a habilidade para iniciar, organizar e persistir na aprendizaxe. En canto á organización e xestión da aprendizaxe, a competencia para aprender a aprender (CPAA) require coñecer e controlar os propios procesos de aprendizaxe para axustalos aos tempos e as demandas das tarefas e actividades que conducen á aprendizaxe. A competencia de aprender a aprender desemboca nunha aprendizaxe cada vez máis eficaz e autónoma. Esta competencia inclúe unha serie de destrezas que requiren a reflexión e a toma de conciencia dos propios procesos de aprendizaxe. Así, os procesos de coñecemento convértense en obxecto do coñecemento e, ademais, hai que aprender a executalos adecuadamente. Aprender a aprender inclúe coñecementos sobre os procesos mentais implicados na aprendizaxe (como se aprende). Ademais, esta competencia incorpora o coñecemento que posúe o estudante sobre o seu propio proceso de aprendizaxe que se desenvolve en tres dimensións:
Levan a habilidade e capacidade para utilizar os coñecementos e actitudes sobre a sociedade, entendida desde as diferentes perspectivas, na súa concepción dinámica, cambiante e complexa, para interpretar fenómenos e problemas sociais.
A (SIE) para transformar as ideas en actos. Entre os coñecementos que require esta competencia inclúese a capacidade de recoñecer as oportunidades existentes para as actividades persoais, profesionais e comerciais. Tamén inclúe aspectos de maior amplitude que proporcionan o contexto no que as persoas viven e traballan, tales como a comprensión das liñas xerais que rexen o funcionamento das sociedades e as organizacións sindicais e empresariais, así como as económicas e financeiras; a organización e os procesos empresariais; o deseño e a implementación dun plan (a xestión de recursos humanos e/ou financeiros); así como a postura ética das organizacións e o coñecemento de como estas poden ser un impulso positivo. Así mesmo, esta competencia require das seguintes destrezas ou habilidades esenciais: capacidade de análise; capacidades de planificación, organización, xestión e toma de decisións; capacidade de adaptación ao cambio e resolución de problemas; comunicación, presentación, representación e negociación efectivas; habilidade para traballar, tanto individualmente como dentro dun equipo; participación, capacidade de liderado e delegación; pensamento crítico e sentido da responsabilidade; autoconfianza, avaliación e auto-avaliación, xa que é esencial determinar os puntos fortes e débiles dun mesmo e dun proxecto, así como avaliar e asumir riscos cando estea xustificado (manexo da incerteza e asunción e xestión do risco). Finalmente, require o desenvolvemento de actitudes e valores como: a predisposición para actuar dunha forma creadora e imaxinativa; o autocoñecemento e a autoestima; a autonomía ou independencia, o interese e esforzo e o espírito emprendedor. Caracterízase pola iniciativa, a prol-actividade e a innovación, tanto na vida privada e social como na profesional. Tamén está relacionada coa motivación e a determinación á hora de cumprir os obxectivos, xa sexan persoais ou establecidos en común con outros, incluído o ámbito laboral.
A (CEC) implica coñecer, comprender, apreciar e valorar con espírito crítico, cunha actitude aberta e respectuosa, as diferentes manifestacións culturais e artísticas, utilizalas como fonte de enriquecemento e goce persoal e consideralas como parte da riqueza e patrimonio dos pobos. Esta competencia incorpora tamén un compoñente expresivo referido á propia capacidade estética e creadora e ao dominio daquelas capacidades relacionadas cos diferentes códigos artísticos e culturais, para poder utilizalas como medio de comunicación e expresión persoal. Implica igualmente manifestar interese pola participación na vida cultural e por contribuír á conservación do patrimonio cultural e artístico, tanto da propia comunidade como doutras comunidades. Así pois, a competencia para a conciencia e expresión cultural require de coñecementos que permitan acceder ás distintas manifestacións sobre a herdanza cultural (patrimonio cultural, histórico-artístico, literario, filosófico, tecnolóxico, ambiental, etcétera) a escala local, nacional e europea e o seu lugar no mundo. Comprende a concreción da cultura en diferentes autores e obras, así como en diferentes xéneros e estilos, tanto das belas artes (música, pintura, escultura, arquitectura, cinema, literatura, fotografía, teatro e danza) como doutras manifestacións artístico-culturais da vida cotiá (vivenda, vestido, gastronomía, artes aplicadas, folclore, festas...). Incorpora así mesmo o coñecemento básico das principais técnicas, recursos e convencións das diferentes linguaxes artísticas e a identificación das relacións existentes entre esas manifestacións e a sociedade, o cal supón tamén ter conciencia da evolución do pensamento, as correntes estéticas, as modas e os gustos, así como da importancia representativa, expresiva e comunicativa dos factores estéticos na vida cotiá. Devanditos coñecementos son necesarios para poñer en funcionamento destrezas como a aplicación de diferentes habilidades de pensamento, perceptivas, comunicativas, de sensibilidade e sentido estético para poder comprendelas, valoralas, emocionarse e gozalas. A expresión cultural e artística esixe tamén desenvolver a iniciativa, a imaxinación e a creatividade expresadas a través de códigos artísticos, así como a capacidade de empregar distintos materiais e técnicas no deseño de proxectos. O desenvolvemento desta competencia supón actitudes e valores persoais de interese, recoñecemento e respecto polas diferentes manifestacións artísticas e culturais, e pola conservación do patrimonio.
A incorporación de competencias básicas no currículo permite salientar as aprendizaxes consideradas imprescindibles para lograr que o alumnadp acade a súa realización persoal e poida incorporarse á vida adulta e cidadá de xeito satisfactorio, desenvolvendo a súa capacidade de aprendizaxe permanente ao longo da vida.
As competencias básicas permiten integrar as aprendizaxes das distintas materias, a través da relación de contidos, habilidades e actitudes, potenciando a aplicación práctica nas distintas áreas de coñecemento.
A metodoloxía didáctica que se recomenda empregar para que o alumnado desenvolva as Competencias Básicas debe ser comunicativa, inclusiva e debe estar baseada en traballar de maneira global e interdisciplinar, levando a cabo dinámicas de traballo en grupo, e fomentando unha aprendizaxe activa e participativa, desenvolvendo actividades complementarias e extraescolares ben planificadas e estruturadas. Tamén é importante a coordinación e traballo en equipo entre o profesorado, así como a coordinación e colaboración coa Administración local, as familias e outras institucións educativas.
As metodoloxías deben permitir a integración de todos os elementos do currículo a través do desenvolvemento de actividades relacionadas coa resolución de problemas en contextos da vida real. As tarefas deben contextualizar as aprendizaxes e permitir o desenvolvemento de varias competencias simultaneamente.
Como exemplo destas indicacións para a metodoloxía é o denominado Traballo por Proxectos. Os responsables do deseño destas situacións de aprendizaxe son o centro e o profesorado, os cales deben ter en conta as características e os ritmos de aprendizaxe do alumnado para poderen elixir unha metodoloxía adecuada.
Ademais da metodoloxía, para traballar as competencias básicas adecuadamente cómpre ter en conta os principios pedagóxicos que nelas recaen. Segundo Moreno (2012)[11] estes principios son os seguintes:
Tal e como se pode deducir, coa inserción de competencias básicas nos currículos escolares perséguense unha serie de finalidades: a incorporación de determinadas aprendizaxes no proceso de ensinanza, un afrontamento exitoso do estudantado de cara aos conflitos da vida cotiá e o coñecemento dos contidos e criterios de avaliación que se terán en conta no proceso de ensinanza e aprendizaxe.
Braslavski (2001) creou unha lista cos retos que traería consigo esta introdución de competencias: que o profesor traballe en equipo; que se redefina o concepto de currículo; que se reorganicen os tempos e os espazos; que se desenvolva un compromiso educativo no centro, que inclúa a familia e o contorno, facilitando a integración do currículo formal, informal e non formal; que proporcione novas visións de planificación; que permita a organización flexible; que apoie a posta en práctica de novas metodoloxías de ensinanza; que favorezan a educación integral na súa dimensión máis afectiva.[12]
Neste mesmo sentido, tal e como se indica dende o Proyecto Atlántida (2007)[13], que as competencias sexan incorporadas aos centros podería repercutir de dous modos: con consecuencias no currículo e con consecuencias organizativas. As primeiras (no currículo), traerían consigo unha maior comprensión do currículo e unha selección en función do grao de importancia de cara á consecución das competencias básicas, chegando a unha proposta máis comprensiva e realista de poucos pero moi ben cementados contidos e dende unha opción clara pola comprensión e a aprendizaxe profunda. Ademais, modificaríanse as tarefas vixentes ata o momento e forxaríase unha mellor integración no currículo formal, non formal e informal. Por outro lado, en canto as consecuencias organizativas, exponse que se conseguiría unha maior flexibilidade nos agrupamentos, facilitando o desenvolvemento de proxectos e itinerarios personalizados, xunto cunha maior apertura do centro ao contorno e especialmente á colaboración coas familias e organizacións locais. Ademais, conseguiríase unha eficaz utilización das posibilidades que ofrecen as contornas visuais de aprendizaxe.
Para a avaliación das Competencias Básicas estipuladas polas diferentes leis nacionais e europeas, faise necesario que esta se incorpore aos procesos de ensinanza e aprendizaxe, polo que a avaliación comeza dende o inicio do traballo na aula, permitindo adaptar dito proceso á realidade do alumnado e proporcionando información sobre o desenvolvemento progresivo que vai experimentando, xa que é sabido que: a adquisición de competencias lévase a cabo de forma progresiva dende o comezo da escolaridade.[14]
As competencias supoñen un cambio na avaliación, xa que se debe considerar a súa consecución, isto é, ter uns indicadores de progreso que analicen o proceso global máis que os resultados, e que combinen os instrumentos e datos das diferentes áreas curriculares, dado que todas contribúen a traballar as competencias. Provocan unha maior variedade de métodos de avaliación, xa que o exame non serve para valorar algunhas das adquisicións no campo competencial, e por tanto afectan á metodoloxía didáctica.
Por iso, pódense diferenciar distintos tipos de avaliación: segundo o momento de levala a cabo (inicial, continua e final), e dependendo dos axentes que interveñen no proceso de avaliación (autoavaliación, coavaliación e heteroavaliación).
Evaluar las competencias supone aprender a evaluar todo tipo de aprendizajes, a diagnosticar el papel de todos los factores que lo hacen posible y sobre todo a generar mucha información para que los especialistas, docentes, tutores, orientadores y educadores en general, la utilicen para diseñar de forma óptima su intervención y asesoramiento.[15]
Algunhas das ferramentas para avaliar por Competencias son:
- A Rúbrica: É unha ferramenta que sintetiza o desempeño dunha forma xeral e son moi útiles para establecer os logros nas competencias. Este instrumento de avaliación é relativamente novo no noso nivel educativo.
- O Portafolios: É unha colección dos traballos que os estudantes realizaron durante un período da súa vida académica, polo que este instrumento permítenos obter unha idea máis completa das competencias, os logros, os coñecementos e as actitudes do estudante.
- Os Diarios de Aula e do Profesor: Son recursos metodolóxicos onde o docente realiza observacións ou entrevistas, e describe o que ocorre nas aulas, os materiais que utiliza etc. Polo tanto estes diarios axudan a coñecer os puntos fortes e débiles da práctica do docente, e por medio deles, reflexionar sobre a práctica, ser crítico, desenvolver competencias e mellorar a súa práctica.
No noso sistema educativo actual, existe unha avaliación externa levada a cabo pola Administración Educativa; como por exemplo, as realizadas polo Programa Internacional para a Avaliación de Estudantes, o Informe PISA, o cal se basea na análise do rendemento de estudantes a partir duns exames que se realizan cada tres anos, a alumnado de 15 anos de idade, e ten como fin o de describir a situación da educación escolar entre distintos países. PISA argumenta que levar a cabo análises comparativas entre países, contribúe a ampliar e enriquecer a concepción e idea que ten cada un do seu sistema educativo.
As competencias básicas ou claves tamén reciben críticas por parte da comunidade educativa, xa que algúns expertos en Educación mostran o seu cuestionamento acerca do modelo educativo baseado no desenvolvemento das competencias clave. Algunhas destas críticas céntranse na cuestión da reprodución do modelo mercantilista e neoliberal que está instaurado na Comunidade Económica Europea e, por ende, no Estado Español.
A principal observación, na que coinciden os críticos, é como a estruturación e a organización das competencias básicas responden á adaptación ao ámbito laboral, con competencias específicas como o sentido da iniciativa e espírito emprendedor (SIE). Ademais, non se atopan contempladas competencias encaradas ao desenvolvemento artístico e creativo como tal, deixando este aspecto fóra do currículo das competencias clave.
Segundo Díez Gutiérrez[16], doutor en Ciencias da Educación e profesor da Universidade de León, o modelo económico actual repercute directamente no ámbito educativo, adaptando o segundo ás necesidades e esixencias do primeiro. Polo tanto, nos seus ensaios, reflexiona sobre as posibilidades e as alternativas dunha educación non baseada en competencias clave ou, pese a que se baseen nelas, nunhas competencias non orientadas unicamente a cumpriren os estándares do mercado.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.