Composto azo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os compostos azo[1], azocompostos, compostos azoicos ou azoderivados son compostos químicos que levan o grupo funcional R-N=N-R', no cal R e R' poden ser un arilo ou un alquilo. A IUPAC define estes compostos como: "Derivados do diazeno (diimida), HN=NH, nos que ambos os hidróxenos son substituídos por grupos hidrocarbilo, por exemplo, PhN=NPh azobenceno ou difenildiazeno."[1] Os derivados máis estables conteñen dous grupos arilo. O grupo N=N denomímase grupo azo. O nome azo procede de azote, termo francés (e tamén galego[2]) que significa nitróxeno, derivado do grego a (non) + zoe (vivir).
Moitos destes compostos son importantes tinturas e pigmentos.[3] En 1884 sintetizouse o vermello congo, un colorante azoico que se empregou para tinguir algodón, e actualmente os colorantes azoicos son os máis utilizados na industria téxtil.