From Wikipedia, the free encyclopedia
Denomínase creacionismo ao conxunto de crenzas, inspiradas en doutrinas relixiosas, segundo as cales a Terra, e cada ser vivo que existe nela actualmente, proveñen dun acto de creación por un ou varios seres divinos, cuxo acto de creación se levou a cabo de acordo cun propósito divino.[1] Por extensión desta definición, o adxectivo "creacionista" aplicouse a calquera opinión ou doutrina filosófica ou relixiosa que defenda unha explicación da orixe do mundo baseada nun ou máis actos de creación por un deus persoal, como o fan, por exemplo, as relixións do Libro.[2] Por iso, igualmente denomínase creacionismo aos movementos pseudocientíficos e relixiosos que militan en contra do feito evolutivo.[3]
O creacionismo caracterízase principalmente polos "movementos antievolucionistas", tales como o deseño intelixente,[4] cuxos partidarios buscan obstaculizar ou impedir a ensinanza da evolución biolóxica nas escolas e universidades.
Segundo estes movementos creacionistas, os contidos educativos sobre bioloxía evolutiva teñen que substituírse, ou polo menos contrarrestarse, polas súas crenzas e mitos relixiosos ou coa idea da creación dos seres vivos por parte dun ser intelixente.
En contraste con esta posición, a comunidade científica sostén a conveniencia de diferenciar entre o natural e o sobrenatural, de forma que non se obstaculice o desenvolvemento daqueles elementos que respectan ao benestar dos seres humanos.[5]
As cosmogonías e mitos de carácter creacionista estiveron e están presentes en moi distintos sistemas de crenzas, tanto monoteístas, como politeístas ou animistas. O movemento creacionista politicamente máis activo e coñecido é de orixe cristiá (protestante) e está implantado principalmente, nos Estados Unidos.
Durante a Idade Media, e até a actualidade, o termo "creacionismo" serviu en teoloxía para designar unha das dúas interpretacións alternativas para a orixe da alma persoal, que cada alma é obxecto dun acto especial de creación por Deus, sendo á súa alternativa o traducionismo.[6] O florecemento da filosofía fóra do amparo da Igrexa, desde o Renacemento, conduciu a un uso casual do termo como oposto ao monismo panteísta.[7]
O rápido éxito social (relativo) da teoría de Charles Darwin promoveu a reacción non só dalgúns importantes teólogos, senón tamén dunha parte dos científicos, que vían no darwinismo un importante fundamento para o materialismo filosófico, así como unha porta aberta á refutación do argumento teleolóxico e cosmolóxico para a existencia de Deus. O propio Darwin usou na súa correspondencia o termo "creacionista" para referirse aos seus opositores.[8] Así aparece en 8 ocasións na súa correspondencia publicada, en cartas dirixidas a Bates, Huxley, Bentham e Hooker.[9]
Durante moito tempo, na época do creacionismo clásico, o termo non se usou de maneira xeral para designar a oposición ao evolucionismo darwinista, que se designaba doutras formas. En 1929 o biólogo Harold W. Clark, un adventista do Sétimo Día, describiu como creacionista a obra do seu mestre George McCready Price nun libro autopublicado.[10]
Por algún tempo o termo serviu para describir tanto aos teístas evolucionistas (crentes á vez no Deus creador e na verdade do darwinismo) e aos fundamentalistas bíblicos que, como os dous autores citados, defendían a literalidade bíblica desde os seus títulos universitarios en ciencias.[8]
Os creacionistas clásicos negan a teoría da evolución biolóxica e, especialmente, o referido á evolución humana, ademais das explicacións científicas sobre a orixe da vida. Por isto rexeitan todas as probas científicas (fósiles, xeolóxicas, xenéticas etc.). No creacionismo clásico de orixe cristiá faise unha interpretación literal da Biblia e sostense a creación do mundo, dos seres vivos e o cataclismo do Diluvio Universal tal e como está descrito no Xénese, sen pretender concretar de maneira científica a orixe das especies.
A diferenza do creacionismo clásico, no creacionismo máis recente trátase de utilizar igualmente fundamentos de carácter non relixioso a partir de descubrimentos ou coñecementos de disciplinas pertencentes ás ciencias naturais, que se tratan de presentar como se foran probas científicas contra a teoría da evolución. Fálase así de "creacionismo científico", nome que lle dan os seus partidarios. Non obstante, a diferenza das ciencias naturais, neste tipo de creacionismo non se segue o método científico e non se producen hipóteses falsábeis. Debido a estes feitos, o creacionismo científico non logra reunir totalmente en ningunha das súas formas as características dunha teoría científica, e por iso a comunidade científica relacionada co tema descríbeo só como unha proposición pseudocientífica.
Por outra parte, este tipo de creacionismo contemporáneo trata de desdebuxar a distinción entre feito evolutivo (parentesco e transformación das especies ao longo do tempo) e teoría da evolución (síntese evolutiva moderna ou neodarwinismo), englobándoo todo cos termos "evolución", "evolucionismo" ou "darwinismo", e descualificándoo como "unha simple teoría" (xogando co duplo significado da palabra teoría na lingua común e na das ciencias naturais).
Así intenta negar o feito de que a teoría da evolución está considerada como unha das máis grandes e sólidas teorías científicas actuais, que describe un feito sobre o que non existe ningunha proba ou evidencia científica que o refuten.[11]
Outra forma máis sutil deste tipo de creacionismo é o deseño intelixente, movemento que non adoita facer explícita a súa motivación relixiosa. A súa principal actividade consiste en negar en maior ou menor medida a validez e importancia das explicacións evolutivas sobre a orixe das estruturas biolóxicas, para concluír que é necesaria a súa creación por intervención directa dun ser intelixente. O deseño intelixente preséntase polos seus seguidores como unha alternativa ao neodarwinismo pero, ao non formular hipóteses contrastábeis, non cumpre os requisitos do método científico e por iso considérase como unha forma de pseudociencia.
As formas de creacionismo citadas anteriormente considéranse formas de "creacionismos anti-evolución" porque requiren a intervención directa dun creador. Ademais deste tipo de creacionismo, existe o "creacionismo pro-evolución" expresado polo creacionismo evolutivo e por unha postura filosófica chamada evolución teísta; o creacionismo pro-evolución cre na existencia dun creador e dun propósito, pero tamén acepta que os seres vivos se formaron a través dun proceso de evolución natural. Esta forma de creacionismo non interfire coa práctica da ciencia, nin se presenta como unha alternativa ao neodarwinismo, senón como un complemento filosófico ou relixioso á teoría da evolución.[12]
Ao non basearse en evidencia científica falsábel e comprobábel, ningunha forma de creacionismo está implementada practicamente no sistema educativo de ningún país do mundo, con excepcións tales como as que sucederon até fins de 2005 nalgúns estados de Estados Unidos, nos que existe unha maioría protestante (e nos que se tratou de substituír a evolución nos libros de texto, e que está actualmente prohibido por unha sentenza xudicial [13]); ou o creacionismo de orixe islámica, presente nalgúns países con crenza maioritaria nesta relixión.
No referente á opinión da Igrexa Católica, está de acordo cun creacionismo que se podería chamar de tipo pro-evolución teísta,[14][15] xa que non interpreta o Xénese de maneira estritamente literal, e non ve contradición da doutrina filosófica e relixiosa da creación, que explica a orixe do universo a partir do nada, coa teoría da evolución biolóxica. Neste sentido, Bieito XVI tamén aclara que as ciencias naturais en xeral e a evolución en particular non poden explicalo todo.[16]
Algúns creacionistas cren que a Terra é moi nova, indicando que o planeta ten menos de 10.000 anos, e xeralmente cren que foi creada por Deus hai 6.000 anos, tal como o describe o Calendario de Ussher. Así, as teorías científicas do universo e a astronomía non se inclúen nesta ideoloxía.
Esta visión é apoiada por múltiplas igrexas protestantes nos Estados Unidos. Estímase nun 47 % o número de estadounidenses que comparten esta opinión, e case o 10 % das universidades cristiás imparten esta teoría nas súas clases.[17] As organizacións cristiás estadounidenses ICR (Institute for Creation Research: Instituto de investigación sobre a creación), en El Cajón (California), e a CRS (Creation Research Society: Sociedade de investigación sobre a creación), en Saint Joseph (Missouri), promoven o "creacionismo da Terra nova". Outra organización estadounidense con similares puntos de vista, AIG (Answers in Genesis: Respostas no Xénese), localizada na área do Gran Cincinnati, abriu o Creation Museum (Museo da creación) para facer campaña en favor do "creacionismo da Terra nova". Entre os católicos estadounidenses, o Kolbe Center for the Study of Creation (Centro Kolbe para o estudo da creación) estaría na mesma órbita.[18]
Como o creacionismo é unha "ideoloxía independente", segundo esta ideoloxía, a Terra é nova e non ten máis de 6.000 anos de antigüidade; isto a través do cálculo e dedución mediante regresións realizadas sobre as idades dos personaxes bíblicos mencionados no Xénese e outras partes da Biblia.
Dentro deste creacionismo existen tres formas:
En oposición ao creacionismo da Terra nova, outros creacionistas admiten que a Terra pode ser antiga, é dicir, que podería ter millóns ou incluso miles de millóns de anos. Existen diferentes tipos de creacionismo da Terra antiga:
Dentro da maioría das doutrinas mencionadas anteriormente, tamén se estima que hai uns miles de anos sucedeu un cataclismo (diluvio universal), no que moitas especies animais desapareceron ao ascender o nivel do mar varios centos de metros. Porén, ao referirse os creacionistas á evolución e extinción dos animais e outros seres vivos, tampouco presentan un consenso sobre estes temas. Desta forma preséntanse as seguintes subclases de ideoloxías creacionistas:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.