Cremalleira de leucina
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha cremalleira de leucina ou tesoira de leucina [1] é un motivo estrutural supersecundario de proteínas que crean forzas de adhesión por medio de hélices alfa dispostas en paralelo [2] . É un dominio de dimerización común en proteínas implicadas na expresión xénica, xa que forma parte do dominio de unión ao ADN de varios factores de transcrición. As cremelleiras de leucina atópanse tanto en proteínas regulatorias procariotas coma eucariotas, pero son principalmente características destas últimas.
Unha cremalleira de leucina consta de múltiples residuos de leucina situados en intervalos de aproximadamente 7 residuos, que forman unha hélice alfa anfipática cunha rexión hidrofóbica ao longo dun dos seus lados. Esta rexión hidrofóbica proporciona unha área para a dimerización, que permite que se unan os motivos como unha "cremalleira". Ademais, a rexión hidrofóbica da leucina requírese necesariamente para a unión ao ADN.