Período crioxénico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O período crioxénico (do grego antigo κρύος krýos, 'xeo' e γένεσις génesis, 'orixe'), unha división ds escala temporal xeolóxica, é o segundo período xeolóxico da era neoproterozoica. Comezou hai 850 millóns de anos e finalizou hai 630 +5/-30 millóns de anos. A data de comezo definiuse cronometricamente, mentres que a de finalización está baseada na estratigrafía.[1][2]
O seu nome fai referencia aos sedimentos glaciarios encontrados en latitudes tropicais, seguidos de sedimentos de carbonatos. Os glaciares estendéronse e retrocederon nunha serie de pulsos rítmicos, posibemelnte alcanzando o ecuador. En xeral, considérase que deben considerarse polo menos dúas grandes glaciacións mundiais neste período: as glaciacións esturtiana (que comprendeu o intervalo de 760 a 700 millóns de anos) e a marinoana (en torno a 635 millóns de anos) que son as máis grandes coñecidas na historia da Terra e pode que cubriran todo o planeta. Unha glaciación final produciuse hai 582 millóns de anos durante o período ediacárico.
Os sedimentos glaciares de tillita tamén se produciron nos lugares que se encontraban en latitudes baixas durante o crioxénico, un fenómeno que conduciu á hipótese da conxelación dos océanos do planeta na chamada Terra bóla de neve. Esta teoría, que foi proposta polo doutor Kirshivink e é agora sostida por Paul F. Hoffman da Universidade de California, Berkeley,[3] xerou un gran debate, pois afirma que o planeta Terra estivo totalmente cuberto por glaciares, de até 1 km de espesor, até o ecuador. A principal controversia refírese a se as glaciacióes foron realmente acontecementos mundiais ou estaban localizadas.[4]
Durante o crioxénico, o supercontinente Rodinia fragmentouse e o supercontinente Pannotia comezou a formarse.