Cromatografía de afinidade
From Wikipedia, the free encyclopedia
A cromatografía de afinidade é un método de separar mesturas bioquímicas baseándose nunha interacción moi específica que se establece entre un antíxeno e un anticorpo, encima e substrato, receptor e ligando, ou proteína e ácido nucleico. É un tipo de técnica de laboratorio cromatográfica usada para purificar moléculas biolóxicas que forman parte dunha mestura aproveitando as propiedades moleculares. As macromoléculas biolóxicas, como encimas e outras proteínas, interaccionan con outras moléculas con alta especificidade por medio de diferentes tipos de enlaces e interaccións. Tales interaccións poden ser enlaces de hidróxeno, interaccións iónicas, pontes disulfuro, interaccións hidrófobas e outras. A alta selectividade da cromatografía de afinidade débese a que se permite que a molécula desexada interaccione coa fase estacionaria e se una na columna cromatográfica para ser separada do material non desexado, que non interaccionará e sairá primeiro nas elucións.[1] As moléculas que xa non se necesitan son primeiro retiradas por lavado cun tampón mentres que as proteínas desexadas se deixan baixar en presenza do solvente eluente (de alta concentración salina). Este proceso crea unha interacción competitiva entre a proteína desexada e as moléculas estacionarias inmobilizadas, que finalmente permite que as proteínas agora altamente purificadas sexan liberadas.[2]