Linfocito T regulador
Célula que modula o funcionamento do sistema inmunitario / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os linfocitos T reguladores ou células T reguladoras (células Tregs ou Treg), anteriormente coñecidas como linfocitos T supresores ou células T supresoras, son unha subpoboación de células T que modulan o funcionamento do sistema inmunitario, manteñen a tolerancia aos autoantíxenos e impiden as doenzas autoinmunes. As Tregs teñen funcións inmunosupresoras e xeralmete suprimen e regulan á baixa a indución e proliferación das células T efectoras.[1] As Tregs expresan os biomarcadores CD4, FOXP3 e CD25 e pénsase que derivan da mesma liñaxe celular que as células CD4 virxes.[2] Como as células T efectoras tamén expresan o CD4 e o CD25, as Tregs son moi difíciles de distinguir das células CD4+ efectoras, o que fai difícil o seu estudo. Investigacións recentes atoparon que a citocina TGFβ é esencial para que as Tregs se diferencien a partir das células CD4+ virxes e é importante para manter a homeostase das células Treg.[3]
O estudo destas células usando ratos como organismo modelo levou a suxerir que a modulación das células Tregs podería servir para tratar enfermidades autoinmunes e o cancro e podería facilitar o transplante de órganos[4] e a curación de feridas.[5] As súas implicacións no caso do cancro son complicadas. As Tregs tenden a estar reguladas á alza en individuos con cancro e parecen ser recrutadas cara ao lugar de moitos tumores. Estudos feitos en modelos animais e en humanos parecen sinalar que o alto número de Tregs no microambiente do tumor é indicativo dun peor prognóstico, e pénsase que as Tregs suprimen a inmunidade do tumor, polo que alteran a capacidade innata do corpo de controlar o crecemento das células cancerosas.[6] En investigacións recentes en inmunoterapia estase estudando como podería utilizarse a regulación das células T no tratamento do cancro.[7]