From Wikipedia, the free encyclopedia
O dereito de sucesións ou sucesorio é o conxunto de normas que regulan o traspaso de bens, dereitos e obrigacións (sempre que non se extingan pola morte) dunha persoa física á morte desta. É parte do Dereito civil.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
En moitos países (España entre eles) está regulado por unha lei: o Código civil, así como polos usos e costumes de cada lugar. Porén, o de España é un caso especial, pois a Constitución permite que as comunidades regulen o seu propio Dereito civil (ou Foral, segundo os casos) alí onde o haxa. Así, por exemplo, Navarra, Cataluña e Galicia contan con normas específicas para algúns aspectos.
Tódalas persoas temos dereito a dispór acerca de a quen van pasar as nosas propiedades á nosa morte. Para permiti-lo exercicio dese dereito en moitos países unha boa parte do Dereito de sucesións vai dedicada a que regras que rexen como o causante (respecto dunha herdanza, a persoa que morre) pode exercer o sobredito dereito. Así, por exemplo, no Sistema de dereito Anglosaxón a forma de dispoñer sobre as propiedades dun é un documento privado, aínda que redactado conforme ó que estipula o Dereito, chamado testamento. Ese mesmo nome se lle dá no Sistema de dereito Continental a unha escritura pública que un outorga coa mesma finalidade, pero na que ten que cumprir con máis requisitos legais. A aquela sucesión na cal o causante determinou o a transmisón das súas propiedades chámaselle Sucesión testada; asemade, o causante que outorgou testamento e dispuxo das súas propiedades recibe o nome de testador ou testante, se ben este último termo pode levar a confusión pois tamén se aplica a cada unha das leiras lindeiras doutra.
Hai unha parte da herdanza da que o testador non pode dispor, a chamada lexítima, que consiste nunha fracción do total do caudal hereditario. Habitualmente está reservada para os fillos, pero o Dereito Civil de Galicia consagra o usufruto de certa parte da herdanza para o cónxuxe viúvo. Por outra banda, no Código Civil están reservados dous terzos en concepto de lexítima, dos cales un pode ser entregado en forma de mellora, o que quere dicir que pode ser entregado a un só fillo, se ben o outro debe dividirse entre tódolos fillos ou as súas liñaxes cando haxa fillos premortos que concibisen fillos. Porén, na Comunidade Foral de Navarra, o Dereito non consagra lexítima. A lexítima ten a súa razón de ser ó pretender evitar que as persoas que dependen economicamente do testador ou aquelas que compartían o uso dos seus bens con aquel, isto é, a súa familia, non queden sen unha porción da herdanza.
Un testamento é o documento mediante o cal o testador (persoa que outorga testamento) expón a súa vontade de establecer o futuro das súas propiedades mortis causa (expresión latina que quere dicir "por causa da morte") e explica a forma en que se han de dividi-la súa herdanza, e a quen se lle ha de entregar que parte da mesma. No testamento, o testante debe designar ós herdeiros, persoas que ademais de recibir unha porción das propiedades do defunto xestionan a sucesión. Ademais de todo o dito, o testador ten a posibilidade de asignar a herdeiro ou a cada legatario unhas cotas, de tal xrito que reciban unha parte das propiedades sen especificar cales.
En España o Dereito Civil común establece (á marxe dos testamentos especiais) tres clases de testamentos:
Outros testamentos, non recoñecidos polo dereito sucesorio común, son:
Cando se outorga testamento notarial, deben acudir dúas testemuñas ó outorgamento cando:
En España están impedidos para testar, entre outros, os menores de 14 anos e os que non están en pleno uso das súas facultades mentais. Non obstante, o feito de que os menores de idade poidan testar é bastante pouco común, sendo o límite máis común o da maioría de idade.
Son aquelas persoas ás que o testador encarga na escritura testamentaria o feito de levar a cabo, tanto administrativa como realmente, as disposicións incluídas no interior do testamento. Non tódalas figuras están recoñecidas por tódolos sistemas de dereito de sucesións, nin todas poder ter cabida en tódolos tipos de testamentos. Entre eles cóntase:
Son persoas ás que o testador encarga no testamento que realicen determinadas funcións á súa morte, tales como paga-lo enterro e o funeral, se o houber, sufraga-los legados en metálico, contactar cos herdeiros etcétera.
O testador pode establecer con respecto ó cargo de testamenteiro:
Asemade, en previsión de que o testamenteiro abandone renuncie ó seu cargo, ou sexa cesado, pode determinar unhas persoas como substitutas.
En todo caso, aínda sendo voluntario exercer de testamenteiro, o que renuncie perderá os seus dereitos na herdanza, excepto disposición en contrario do testador.
Os notarios son os que se ocupan se custodia-los testamentos cando estes son notariais ( isto é, todos excepto o ológrafo) e de redactalos cando toman a forma do testamento notarial aberto. Na maioría dos países son persoas que se licenciaron en Dereito, pero non sempre teñen que ter pasado unha oposición, como no caso de España; en Francia a aqueles licenciados que desexen ser notarios chégalles con pagar unha fianza en concepto dos gastos ocasionados pola instalación da oficina e polos gastos burocráticos. O sistema anglosaxón non recoñece esta figura, senón que no que é necesario substitúea pola do testamenteiro.
Os contadores-partidores son aqueles que foron designados para reparti-la herdanza cando a repartición non está realizada xa no propio testamento. Son designados polo testador na propia escritura testamentaria, aínda que o testante tamén pode encomendarlle esta función (a través do testamento) ós herdeiros ou incluso ós testamenteiros. Os contadores-partidores deben respectar aquilo que ó efecto xa dispuxese o testador no propio testamento. Así mesmo, están obrigados a inventariar tódolos bens do causante antes de presenta-la repartición. Os contadores-partidores tamén son empregados á hora de parti-la herdanza no caso de sucesión intestada.
Cando o testador designou un comisario por escritura pública, e non fixou para este unha data na que remate o seu poder, o comisario poderaa exercer mentres viva e non incumpra algunha das condicións que o testador lle esixise para poder dispoñer das súas propiedades. Así, unha vez morto o causante, o comisario será quen de reparti-la herdanza da forma que considere máis oportuna, sempre e cando respecte as decisións que o testador lle obrigase a respectar na escritura pública de apoderamento. Unha das cousas que máis comunmente poñen como condición os causantes ós comisarios é a designación dos herdeiros, que adoita facerse xa na propia escritura pública de apoderamento.
O Dereito de Sucesións adoita distinguir diversas categorías para as persoas que reciben unha parte da herdanza, en función do que reciban ou da forma en que o reciban. Deste modo, adóitase distinguir entre herdeiros, legatarios e lexitimarios, que se diferencian no seguinte:
En determinados ordenamentos xurídicos o dereito de sucesións permite unha figura particular en relación á adxudicación de bens: son as doazóns que se han de traer a colación. É dicir, son doazóns que unha persoa fai ós seus propios herdeiros, xeralmente os lexitimarios, en vida e que á súa morte se han de considerar como parte da porción do caudal hereditario líquido que lle corresponde ó donatario (persoa que recibe a herdanza).
Esta práctica de facer doazóns no lugar de adxudicar bens vía testamento ten dúas explicacións sociolóxicas. En primeiro lugar, pódese deber a que a transmisión mortis causa tributa a través do Imposto de sucesións; non obstante, inicialmente, as doazóns, un tipo de transmisión pouco común, non pagaban imposto ningún. Iso fixo que moita xente, para evitar pagar o devandito imposto adxudicase os seus bens a través de doazóns. A segunda explicación sociolóxica é de índole máis práctica: o herdeiro pide ó causante que lle dea en vida unha parte ou toda a súa herdanza.
Por outra banda, o estado, para evitar ese fraude legal, tomou medidas diferentes, segundo os países. Nalgúns o Imposto de sucesións estendeuse ás doazóns e converteuse no Imposto de sucesións e doazóns. Noutros lugares prohibiuse que as doazóns se puidesen traer a colación, de tal forma que posteriormente os donatarios poderán reclamar a súa porción legal (a lexítima) da herdanza, sen que se teña en conta o que se lles adxudicou previamente.
O Sistema Anglosaxón de Dereito ou Common Law baséase nas sentenzas e ditames dos tribunais acerca dun asunto, sobre o que despois se poderá lexislar. Neste sistema, cando un tribunal crea un principio con respecto a un conflito concreto, está obrigando ó propio tribunal e ós órganos de xustiza que lle son subordinados a cumpriren co novo principio con respecto a casos que sexan máis ou menos iguais. Non obstante, o dereito dado posteriormente polo poder lexislativo pode modifica-lo principio.
No que respecta ó Dereito de Sucesións, o sistema anglosaxón caracterízase, por unha parte, por dar libre disposición sobre o total da herdanza ó testante, o que significa que o testante dispón do total das súas propiedades, sen cargas de lexítimas ou de disposicións lexislativas. Por outra banda, o testante debe face-lo testamento por si mesmo, sen acudir a notarios ou a outros funcionarios públicos, e por iso, é bastante común que o testador pida a axuda dun avogado para cumprir cos requisitos que esixe a lei á hora de outorgar testamento, quen en ocasións actúa asemade como testamenteiro. Un deses requisitos é o de que durante o acto de outorgamento deben estar presentes polo menos dúas testemuñas que non reciban algo do testamento. Alén de todo isto, é conveniente resaltar que este sistema de dereito dá ó testamento a categoría de escritura privada, e non pública, como no Sistema de Dereito Continental.
É a que se dá cando o causante non expresou a súa vontade respecto da herdanza, cando a vontade dada vai contra a lei de tal forma que se anulan as súas disposicións ou cando os herdeiros todos instituídos polo testante renuncian á herdanza ou fosen incapaces para herdar. Tamén se da a sucesión abintestata cando o testador non dispuxese de parte doas seus bens, aínda que neste caso a partición conforme os principios da sucesión intestada só se aplica ós bens non dispostos. Na sucesión intestada non é preceptivo respecta-la lexítima.
Cando se dan estas situacións entrégase, por esta orde e de maneira sucesiva, ós descendentes, ós ascendentes, ó cónxuxe ou ós parentes colaterais e ó ente público. As regras para a entrega da herdanza nestes casos son máis ou menos as mesmas en tódolos países de influencia occidental. Na sucesión abintestata tódolos parentes no mesmo grao do causante pertencentes á mesma liña reciben a mesma porción da herdanza.
En primeiro lugar o caudal hereditario entrégase ós descendentes directos, de tal forma que se divida a partes iguais entre os máis próximos en grao (os fillos). Cando parte ou tódolos fillos tivesen morto, dividirase a herdanza entre os fillos vivos e as liñaxes dos fillos mortos. Posteriormente, a parte de cada liñaxe repártese a partes iguais entre os netos. No caso de que algúns ou tódolos netos tivesen morto, a parte que lles corresponda do caudal hereditario será dividida entre os seus fillos a partes iguais, e así sucesivamente. É dicir, a herdanza divídese en primeiro lugar ente os descendentes directos, tendo en conta que un descendente de grao x exclúe da participación na herdanza ós descendentes do causante que á súa vez descendan del.
Cando non houber descendentes, herdarán os ascendentes. En primeiro lugar, a herdanza correspónde ós pais: a metade para cada un se ambos estiveren vivos, ou toda para un só, se só houbese un. De se-lo caso de non estaren vivos os pais, pero si outros ascendentes, dividirase a herdanza de tal forma que sexa unha metade para os parentes maternos e a outra metade para os paternos. En cada liña dividirase por cabezas, tendo en conta que un parente de grao x exclúe os parentes que ascendan do causante a través del.
En defecto de ascendentes ou descendentes herdará o cónxuxe non separado legalmente, e non habéndoo, os parentes colaterais. De entre estes, herdarán con preferencia os irmáns e os sobriños. Cando houber medios irmáns e tamén irmáns polo pai e pola nai, estes últimos recibirán porción dobre cós demais irmáns. Cando non houber nin irmáns, nin fillos de irmáns, recibirán a herdanza os demais parentes colaterais ata o cuarto grao, alén do cal non está permitido herdar. Cando foren estes parentes entre os que se reparta o caudal hereditario, farase por cabezas, sen distinción de grao.
En ausencia de parentes habilitados pola lei para herdar en casos de sucesión intestada (os parentes distantes non herdan nestes casos; ademais, a certas persoas a lei non lles permite herdar), o máis común é que o caudal hereditario pase a mans dalgún ente público, xa sexa este o ente estatal, o rexional..., segundo as regras do lugar que se trate. Con frecuencia o sobredito ente público ten a obriga de dedicar a herdanza ou o seu valor líquido a obras para a comunidade, tales como obras culturais, obras para a reinserción social, obras para mellora da calidade de vida etc. Decotío estas obras de carácter sociais deben estar circunscritas á area (municipal ou rexional) na que o causante tivo a súa última residencia habitual, ou de non ser esta coñecida, a aquela na que morreu.
O Dereito Civil particular de Galicia está regulada na Lei de Dereito Civil de Galicia. No que respecta ó Dereito de Sucesións, entre outras, hai as seguintes peculiaridades:
O imposto de sucesións é unha porción do capital hereditario líquido que recibe un herdeiro ou un legatario que o ente público onde o causante tiver o seu último domicilio habitual reserva para si. A porcentaxe que se debe pagar varía conforme ós lugares onde nos atopemos e do grao de parentesco que teña o herdeiro ou o legatario, así como o patrimonio do herdeiro ou do legatario. En certos países mesmo se da o caso de non existir (tal é o caso de Alemaña). Este mesmo imposto tamén se aplica sobre as doazóns gratuítas (para evitar que os pais doen as súas propiedades antes de morreren para evitaren pagar o imposto). No Estado Español, este tributo xestiónano e cóbrano as Comunidades Autónomas, de tal forma que cada unha establece as reducións que considera oportunas. Así, por exemplo, en Castela e León os inválidos que herdan teñen unha redución do 99 %.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.