From Wikipedia, the free encyclopedia
Por dereitos reprodutivos enténdense aqueles dereitos que buscan protexer a liberdade e autonomía de todas as persoas para decidir con responsabilidade se ter fillos ou non, cantos, en que momento e con quen. Os dereitos reprodutivos dan a capacidade a todas as persoas de decidir e determinar a súa vida reprodutiva.[1]
Os dereitos reprodutivos, do mesmo xeito que os dereitos humanos, son inalienábeis e non están suxeitos a discriminación por xénero, idade ou raza.
A orixe do concepto de Dereitos Reprodutivos, no marco de Nacións Unidas e a Organización Mundial da Saúde aparece na Conferencia de Teherán de 1968 e na definición de Bucarest (Conferencia sobre Poboación de 1974) como un dereito fundamental tanto das parellas como dos individuos. A inclusión e integración da planificación familiar dentro do campo dos dereitos reprodutivos e da saúde reprodutiva prodúcese por primeira vez na Conferencia Internacional para mellorar a saúde das Mulleres e os Nenos por medio da Planificación Familiar, en Nairobi, Kenya, (5 a 9 de outubro de 1987).
O Programa de Acción da Conferencia Internacional sobre Poboación e Desenvolvemento, realizada no Cairo en setembro de 1994, dá esta definición dos dereitos reprodutivos:
Os dereitos reprodutivos abarcan certos dereitos humanos que xa están recoñecidos en leis nacionais, documentos internacionais sobre dereitos humanos e noutros documentos aprobados por consenso. Estes dereitos baséanse no recoñecemento do dereito básico de todas as parellas e individuos a decidir libre e responsabelmente o número de fillos, o espazamento dos nacementos e a dispoñer da información e dos medios para iso, así como o dereito para alcanzar o nivel máis elevado de saúde sexual e reprodutiva. Tamén inclúe o dereito para adoptar decisións relativas á reprodución sen sufrir discriminación, coaccións ou violencia, de conformidade co estabelecido nos documentos de dereitos humanos.Programa de Acción da Conferencia Internacional sobre Poboación e Desenvolvemento, O Cairo, Exipto, 5–13 de setembro, 1994, Doc. da ONU A/CONF.171/13/Rev.1 (1995)
Historicamente a muller realizou e aínda realiza o traballo reprodutivo -que inclúe tanto a reprodución humana como os coidados e atencións que permiten a supervivencia de individuos e sociedades-.[2] En contextos históricos de alta mortalidade foi necesario manter unha alta natalidade para garantir unha substitución suficiente das poboacións.[3]
Durante a transición demográfica produciuse unha redución radical da taxa bruta de mortalidade, posteriormente produciuse unha forte redución da taxa de natalidade no que se chamou a segunda transición demográfica. A estes cambios hai que sumar outros, sociolóxicos, que afectan basicamente ao papel tradicional da muller. É neste novo contexto onde xorden as demandas de Dereitos Reprodutivos xa que o enorme crecemento demográfico e o cambio de mentalidade permitirían o seu exercicio.[4][5] A esta situación hai que sumar os avances e difusión dos métodos anticonceptivos. O esforzo reprodutivo realizado polas mulleres redúcese xa que a supervivencia dos individuos permitiría reducir substancialmente o número de fillos. Nas sociedades modernas dáse unha alta eficiencia reprodutiva que libera a muller de boa parte do traballo que desenvolvía tradicionalmente e permítelle incorporarse ao mercado de traballo modificándose substancialmente as relacións sociais antes estabelecidas e advertíndose cambios substanciais: declive do traballo reprodutivo, derrubamento do patriarcado, privatización da sexualidade e redución do control social sobre a sexualidade; desaparación da punibilidade das relacións sexuais non reprodutivas; alto control sobre a procreación co uso de métodos anticonceptivos e apoio interxeneracional moi amplo a fillos e netos, reforzamento dos lazos familiares profundos; aumento dos anos vividos ou madurez de masas; centralidade da familia e reforzamento dos lazos e importancia desta.[6][7]
Algúns dos Dereitos reprodutivos son os seguintes:
Formarían parte dos dereitos reprodutivos o dereito a escoller libremente a parella sexual así como concertar libremente o matrimonio; a planificación familiar para decidir sobre a reprodución, o acceso aos métodos anticonceptivos. Tamén son derivados dos dereitos reprodutivos o dereito da muller a non ser despedida por motivo do seu embarazo, e o dereito á baixa maternal paga.
Nalgúns estados (España e outros estados de Europa) recoñécese tamén o dereito a baixa por paternidade, posto que se entende que nas primeiras semanas a muller, aínda sen traballar, pode non ser quen de facerse cargo da súa casa e do seu fillo soa, e o nacemento dun fillo é responsabilidade de ambos os pais.
Neste sentido, os dereitos reprodutivos vulnéranse nas sociedades nas que existen os matrimonios concertados, as mulleres non teñen dereito a permanecer solteiras, nin a elixir marido, nin a separarse del. En Afganistán, colectivos de mulleres loitan actualmente contra a lei que permite a violación dentro do matrimonio, dando dereito ao marido a manter relacións sexuais coa súa esposa sempre que el queira. Con todo, non se considera que hai violación dos dereitos reprodutivos cando unha sociedade non recoñece o dereito ao aborto voluntario. Isto débese a que non existe un "dereito humano a abortar" nin tampouco unha prohibición absoluta, dependendo esta cuestión dos ordenamentos xurídicos internos dos Estados.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.