Desaminación
From Wikipedia, the free encyclopedia
A desaminación é unha reacción na que unha molécula orgánica (normalmente un aminoácido, mais poden ser outras, como as bases nitroxenadas) perde un grupo amino (-NH2).[1] Os encimas desaminases catalizan reaccións de desaminación.
Os aminoácidos que se liberan na proteólise das proteínas animais, vexetais e bacterianas metabolízanse segundo dúas vías principais: a desaminación e a descarboxilación.[2]
A perda do grupo α-amino é unha das primeiras reaccións que se dá na degradación da maioría dos aminoácidos cando seguen a vía da desaminación.[1]
Moitos microorganismos non posúen actividades específicas para cada un dos procesos; de maneira que os usan dependendo do pH do medio. Por regra xeral:[2]
- Os aminoácidos desamínanse en medio alcalino.
- Os aminoácidos descarboxílanse en medio ácido.
- A desaminación de aminoácidos tende a baixar o pH ao eliminar o amoníaco e formar produtos ácidos.
- As descarboxilacións teñen un efecto contrario a eliminar dióxido de carbono e producir aminas alcalinas.
Distínguense dous tipos de desaminacións: oxidativas e non oxidativas.[2] Pódese conseguir que se perda o grupo amino do aminoácido de dous xeitos: nalgúns casos libérase amonio nunha reacción que pode ser ou non oxidativa, mentres que noutros casos o grupo amino transfírese a un oxoácido. No primeiro caso fálase de desaminación, mentres que no segundo caso fálase de transaminación. En ambos os casos o produto adoita ser un oxoácido. Nun pequeno número de aminoácidos, a perda de amonio vai acompañada da eliminación de auga ou de sulfuro de hidróxeno.[1]