Dinís de Portugal
rei portugués / From Wikipedia, the free encyclopedia
Dinís de Portugal, nado o 9 de outubro de 1261 en Lisboa[1] e finado o 7 de xaneiro de 1325 en Santarém, foi rei de Portugal, fillo de Afonso III e da súa segunda esposa, Beatriz de Castela, sendo, por tanto, neto de Afonso X o Sabio. Sucedeu o seu pai no trono de Portugal en 1279.
Intitulábase nos diplomas que outorgou durante o seu reinado como Dom Denis, pella graça de Deus, Rei de Purtugal e do Algarue, e así consta no foro (carta de poboamento) concedido a Rebordãos o 18 de maio de 1285,[2] así como noutros documentos.
Foi o sexto rei de Portugal. Alcumado o Labrador ou o Rei-Agricultor, polo impulso que deu no reino a aquela actividade, e aínda, o Rei-Poeta ou o Rei-Trobador, dado que, grande amante das artes e das letras, foi un famoso trobador que cultivou as cantigas de amigo, de amor e de escarnio e maldicir, contribuíndo no desenvolvemento da poesía trobadoresca na Península Ibérica. Algúns pensan que foi o primeiro monarca portugués verdadeiramente alfabetizado, asinando sempre co nome completo.[3] Impulsou a tradución de moitas obras para o portugués, entre elas os tratados do seu avó Afonso X, o Sabio.
En 1282 casou coa infanta Isabel de Aragón, que sería coñecida como a Raíña Santa. Ao longo dos 46 anos do seu reinado foi un dos principais responsábeis da creación da identidade nacional portuguesa, e o albor da conciencia de Portugal en canto estado nación. En 1297, despois da conclusión da Reconquista polo seu pai, definiu as fronteiras de Portugal no tratado de Alcañices con Castela. Realizou relevantes reformas xudiciais, instituíu a lingua portuguesa como lingua oficial da corte, creou a primeira Universidade portuguesa, liberou as Ordes militares no territorio nacional das influencias estranxeiras e proseguiu o sistemático crecemento do centralismo rexio. A súa política centralizadora foi articulada con importantes accións de fomento económico, como a creación de inumerábeis concellos e feiras. Dinis ordenou a explotación de minas de cobre, prata, estaño e ferro, e organizou a exportación da produción excedente para outros países europeos. En 1308 asinou o primeiro acordo comercial portugués con Inglaterra. En 1312 fundou a Mariña portuguesa, nomeando o primeiro almirante de Portugal, o xenovés Manuel Pessanha (Emanuele Passagno, en italiano),[4][5] e ordenando a construción de dársenas e molles.
Entre 1320 e 1324 houbo unha guerra civil entre o rei e seu fillo, o futuro Afonso IV de Portugal. Este xulgaba que o pai pretendía legar o trono a Afonso Sanches, o seu irmán bastardo. Nesta guerra, o rei contou con pouco apoio popular, pois nos últimos anos do reinado deu grandes privilexios aos nobres. O infante contou co apoio dos concellos. A pesar dos motivos da revolta, esta guerra foi no fondo un conflito entre grandes e pequenos. Despois da súa morte, en 1325 foi sucedido polo seu fillo lexítimo, Afonso IV, a pesar da oposición do seu favorito, o fillo natural Afonso Sanches.