Doante de electróns
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un doante de electróns ou doador de electróns[1] é unha entidade química que cede electróns a outra especie química[2]. É un axente redutor e ao doar electróns el oxídase.
En bioquímica, os doantes de electróns ceden electróns na respiración aerobia á cadea de transporte electrónico, o que se traducirá na produción de enerxía, ou á cadea fotosintética durante a fase luminosa. Algúns doantes de lectróns importantes son os hidrocarburos do petróleo, solventes pouco clorados como o cloruro de vinilo ou a materia orgánica do solo e compostos inorgánicos reducidos. Tamén é importante o proceso de doazón de electróns na biodegradación de contaminantes orgánicos.
A enerxía de doazón dunha molécula doante de electróns mídese co seu potencial de ionización, que é a enerxía requirida para extraer un electrón do seu orbital máis alto ocupado. O balance enerxético global (ΔE), é dicir, a enerxía gañada ou perdida, nunha transferencia de doante-aceptor de electróns está determinada pola diferenza entre a afinidade electrónica (A) e o potencial de ionización (I):
Unha base de Lewis en química é un doante de electróns que cede pares de electróns que forman un enlace covalente.[3] Porén, a IUPAC non aconsella usar o termo doante de electróns para as bases de Lewis.[2]
A electropositividade e a electronegatividade determinan a forza dos doantes e aceptores de electróns, respectivamente.
En certas circunstancias, a transferencia de electróns pode ser só fraccionaria, o que significa que o electrón non se transfire completamente, senón que se orixina unha resonancia entre o doante e o aceptor, o que dá lugar á formación de complexos de transferencia de carga.[4]