From Wikipedia, the free encyclopedia
O Embraer EMB 121 Xingu é un avión utilitario con dous motores turbohélice construído polo fabricante brasileiro Embraer. O aparello está baseado no EMB 110 Bandeirante, usando o mesmo deseño de á e motors cunha fuselaxe completamente nova. O EMB 121 realizou o seu primeiro voo o 10 de outubro de 1976.[1]
Embraer EMB 121 Xingu | |
---|---|
Tipo | avión utilitario |
Fabricante | Embraer |
Primeiro voo | 10 de outubro de 1976 |
Introducido | 20 de maio de 1977 |
Estado | activo |
Principais usuarios | Forza Aérea de Francia Forza Aérea Brasileira |
Produción | 1977 - 1987 |
Unidades construídas | 106 |
Unha variante do EMB 121, o EMB 121A1 Xingu II, foi introducida o 4 de setembro de 1981 cun motor máis potente (PT6A-135), un asento máis para pasaxeiros, pasando de 8 a 9, e maior capacidade de combustible.
Antes de que rematase a súa produción en 1987, Embraer fabricara 106 EMB 121, 51 dos cales vendéranse a clientes de fóra do Brasil.[2]
En 1975, Embraer comezou a desenvolver unha familia de tres derivados do seu avión de pasaxeiros Bandeirante, todos eles contando cunha fuselaxe presurizada e unha cola en T. O máis pequeno deles e primeiro en ser lanzado foi o EMB-121 Xingu, deseñado para transportar seis pasaxeiros nunha configuración típica, cun máximo de nove pasaxeiros.[3] O Xingu é un monoplano de á baixa en saínte cun tren de aterraxe retractable en triciclo e unha sección de fuselaxe circular. A súa á está baseada na usada polo Bandeirante, pero con menos envergadura. Ao igual que o EMB 110, está impulsado por dous motores turbohélice Pratt & Whitney Canada PT6A.[4][5]
O prototipo do Xingu, co rexistro PP-ZXI, voou por vez primeira dende a fábrica de Embraer en São Paulo o 10 de outubro de 1976. As probas levaron a varios cambios para mellorar o rendemento e o manexo, como o incremento da envergadura en 0,4 m, colocando un amortecedor de guiñada e engadindo unha gran aleta ventral.[6] O primeiro avión de produción realizou o seu voo de estrea o 20 de maio de 1977, e foi exposto ese ano no Paris Air Show. O Xingu recibiu a certificación de tipo brasileira en maio de 1977, seguida pola certificación británica en xullo dese ano.[6]
O 26 de xullo de 1980, Embraer voou o prototipo do Xingu modificado, coa fuselaxe alongada tras engadirlle unha sección de 25 cm diante das ás e outra de 64 cm detrás delas, e coa envergadura tamén aumentada 38 cm. A nova versión, deseñada para adptarse mellor ao mercado estadounidense, estaba impulsada por dous motores de 850 shp (630 kW) PT5A-42 e tiña máis capacidade de combustible, incrementanndo o alcance do avión. Foi designado inicialmente Xingu II, pero cando o seu desenvolvemento ralentizouse ao concentrarse Embraer noutros programas (como os Tucano, Brasilia e AMX), decidiuse introducir unha versión mellorada provisional con máis potencia como o EMB-121A1 Xingu II, e a versión alongada converteuse no EMB-121B Xingu III.[7] O desenvolvemento do Xingu III abandonouse en 1984.[8]
O Xingu II, mentres tanto, voou por vez primeira o 4 de setembro de 1981, e estaba equipado con dou motores de 750 shp (560 kW) PT6A-135, dándolle un mellor rendemento.[9] Substituíu a versión orixinal na liña de produción despois de fabricarse 29 unidades.[10] O Xingu I pode modificarse para converterse ao estándar Xingu II, e moitos operadires realizaron a conversión. A fabricación do Xingu continuou ata 1987, cun total de 106 aparellos producidos.[2]
As primeiras entregas do Xingu foron principalmente a clientes do Brasil, tanto a operadores civís como a militares, coa Forza Aérea Brasileira recibindo seis exemplares en 1978 para transporte VIP.[6] Os Xingus da forza aérea do Brasil estiveron en servizo ata o ano 2010.[2]
En setembro de 1980 o Xingu foi escollido polo ministerio de defensa de Francia para un avión de adestramento multimotor para a Armée de l'air e a Aéronavale, xa que tamén sería axeitado para tarefas de enlace para a mariña. O Xingu foi seleccionado por diante dos estadounidenses Beechcraft King Air e Cessna 425. Francia mercou un total de 41 aparellos, 25 para a forza aérea e 16 para a mariña, completándose as entregas a finais de 1983.[11] En Francia o Xingu estivo en servizo ata 2022, quedando 22 na forza aérea e 10 na mariña.[12]
Datos de Jane's All the World's Aircraft 1984-85[5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.