Endóspora
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha endóspora[1] é unha estrutura dormente de resistencia e non reprodutora producida por certas bacterias grampositivas do filo Firmicutes.[2][3] O nome "endóspora" indica que a espora se forma no interior da célula bacteriana (endo), pero, en realidade non é unha verdadeira espora (non produce descendencia), senón que é unha forma dormente básica (co metabolismo e estruturas reducidas) de resistencia que a célula bacteriana produce en certas circunstancias. Finalmente, a endóspora é expulsada e é o único que queda, xa que o resto da célula dexenera. A formación de endósporas está desencadeada pola falta de nutrientes. Na formación de endósporas, a bacteria divídese dentro da súa parede celular. As endósporas permiten que as bacterias permanezan dormentes durante longos períodos de tempo, nalgúns casos mesmo durante séculos. Informouse de casos de esporas de millóns de anos de antigüidade que foron revividas.[4] Cando o ambiente é máis favorable, a endóspora pode reactivarse por si mesma e sofre unha transformación pasando ao estado vexetativo normal. A maioría dos tipos de bacterias non poden orixinar endósporas e tampouco o fai ningunha arquea. Exemplos importantes de bacterias que forman endósporas son Bacillus e Clostridium.[5]
A endóspora consta dunha cuberta de varias capas, o ADN da bacteria, ribosomas e grandes cantidades de ácido dipicolínico. Este ácido é específico das endósporas e parece que axuda a que as endósporas manteñan a súa dormencia, e chega a constituír ata o 10% do peso seco.[6]
As endósporas poden sobrevivir sen nutrientes. Son moi resistentes e poden soportar a radiación ultravioleta, o desecamento, altas temperaturas, conxelación extrema e desinfectantes químicos. A termorresistencia das endósporas foi suxerida primeiramente por Ferdinand Cohn despois de estudar o crecemento de Bacillus subtilis (na primeira imaxe) no queixo despois de ferver o queixo. A súa noción de que as esporas eran mecanismos reprodutivos foi un duro golpe para as ideas previas sobre xeración espontánea. O astrofísico Steinn Sigurdsson falando sobre a vida no espazo e a súa posible chegada á Terra no pasado dixo: "Atopáronse esporas bacterianas viables de 40 millóns de anos de antigüidade na Terra, e sabemos que son moi resistentes á radiación."[7] Axentes antibacterianos comúns que funcionan destruíndo as paredes das células vexetativas bacterianas non afectan ás endósporas. As endósporas atópanse comunmente no solo e na auga, onde poden sobrevivir durante longos períodos de tempo. Varios microorganismos forman "esporas" ou "quistes," pero as endósporas de bacterias grampositivas de baixo contico G+C son con diferenza as máis resistentes a condicións adversas.[8]
As endósporas son diferentes das exósporas, aínda que en ambos os casos son formas hibernantes ou dormentes. Algunhas bacterias poden converterse en exósporas, tamén chamados quistes microbianos.