Enlace peptídico
enlace covalente que une os aminoácidos nos péptidos e proteínas / From Wikipedia, the free encyclopedia
O enlace peptídico é o enlace covalente que une os aminoácidos nos péptidos e proteínas. Establécese entre o grupo amino (–NH2) dun aminoácido e o grupo carboxilo (–COOH) doutro aminoácido. Durante a formación dun enlace peptídico libérase unha molécula de auga. No enlace peptídico quedan enlazados o C e o N dos grupos carboxilo e amino, polo que é un enlace amida substituído.
Un péptido pode crecer enlazando máis aminoácidos polo seu grupo carboxilo terminal.
Por convención, para nomear un péptido empézase polo grupo NH2 terminal. Se se unen a alanina e a serina o dipéptido resultante denominaríase alanil-serina.
Un enlace peptídico pode romper por hidrólise. Os enlaces peptídicos das proteínas son metaestables, o que significa que en presenza de auga poden romper espontaneamente, liberando unha enerxía libre de 2-4 kcal/mol [1] , pero este proceso é extremadamente lento, o que mantén as estruturas das proteínas. De feito, nos organismos vivos, o proceso é facilitado por encimas. Pero os organismos vivos tamén teñen encimas que forman enlaces peptídicos, o cal require un gasto de enerxía libre.
O enlace peptídico ten carácter parcial de dobre enlace debido a que é resoante, ten rixidez, o que crea un plano onde están o C-CO-NH-C, e absorbe luz dunha lonxitude de onda de 190-230 nm.[2]