Escala (cartografía)
From Wikipedia, the free encyclopedia
A escala é a relación de proporción entre as dimensións reais dun obxecto e as do debuxo que o representa, por exemplo, se unha escala indica unha proporción 1:15000 significa que un centímetro do mapa representa 15 000 na vida real. Este sinxelo concepto complícase pola curvatura da superficie da Terra, que obriga a escala a cambiar polo mapa. A causa desta variación, o concepto de escala vólvese significativo en dúas formas distintas.
A primeira é a razón entre o tamaño do "globo xerado" e o tamaño da Terra. O globo xerado é un modelo conceptual en que a Terra se reduce e a partir dela se proxecta o mapa. A razón entre o tamaño da Terra e o do globo xerado chámase escala nominal.
A segunda forma refírese á variación da escala polo mapa. É a razón entre a escala do punto cartografado e a escala nominal. Neste caso escala significa "factor de escala".
Se a rexión do mapa e suficientemente pequena para ignorar a curvatura de Terra, como nun plano dunha localidade, pódese empregar un único valor sen causar erros de medida. En mapas maiores, ou en mapamundis, a escala do mapa pode ser menos útil e mesmo inútil para medir distancias. A proxección do mapa vólvese fundamental para entender como varía a escala polo mapa.[1][2] Cando a escala varía significativamente, pode terse en conta para o factor de escala. Ás veces emprégase a indicatriz de Tissot para ilustrar a variación do factor de escala por un mapa.