Espectrometría de masas
técnica usada para medir a razón masa-carga de ións / From Wikipedia, the free encyclopedia
A espectrometría de masas ou espectrometría de masa[1] (abreviada EM e na literatura inglesa, MS) é unha técnica analítica que se usa para medir a razón masa-carga de ións. Os resultados preséntanse como un espectro de masas, un gráfico da intensidade en función da razón masa-carga. A espectrometría de masas utilízase en moitos campos da ciencia e aplícase a mostras puras ou a mesturas complexas.
Un espectro de masas é un tipo de gráfico do sinal dos ións en función da razón masa-carga. Estes espectros úsanse para determinar a sinatura isotópica ou elemental dunha mostra, así como as masas de partículas e moléculas e para dilucidar a identidade química ou estrutura de moléculas e outros compostos químicos.
Nun procedemento típico de espectrometría de masas, unha mostra, que pode ser sólida, líquida ou gasosa, é ionizada, por exemplo bombardeándoa cun feixe de electróns. Isto pode causar que algunhas das moléculas da mostra rompan en fragmentos cargados positivamente ou simplemente queden cargadas positivamente sen se fragmentar. Estes ións (fragmentos) son despois separados de acordo coa súa razón masa-carga, por exemplo ao aceleralos e sometelos a un campo magnético ou eléctrico: os ións da mesma razón masa-carga sofren a mesma cantidade de desviación.[2] Os ións detéctanse por un mecanismo que pode detectar partículas cargadas, como un multiplicador de electróns. Os resultados móstranse como espectros da intensidade do sinal dos ións detectados en función da razón masa-carga. Os átomos ou moléculas da mostra poden ser identificados correlacionando as masas coñecidas (por exemplo, unha molécula enteira) para identificar masas ou por un padrón de fragmentación característico.