Estróxeno
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os estróxenos son un grupo de compostos con actividade hormonal chamados así pola súa importancia no control do ciclo estral nos humanos e outros animais (que vén do grego οἶστρος oistros, que significa figurativamente desexo sexual)[1]. Son as principais hormonas sexuais femininas, aínda que o home produce tamén pequenas cantidades de estróxenos. Os estróxenos naturais son hormonas esteroides, e os sintéticos non son esteroides.
Todos os vertebrados sintetizan estróxenos[2] e tamén algúns insectos.[3] A súa presenza en vertebrados e insectos suxire que as hormonas sexuais estroxénicas teñen unha historia evolutiva moi antiga.
Os estróxenos forman parte dalgúns contraceptivos orais, e da terapia de substitución hormonal para mulleres menopáusicas, e do tratamento hormonal ao que se someten as mulleres trans para a súa transición hormonal.
Como todas as hormonas esteroides, os estróxenos difundense con facilidade a través da membrana plasmática. Unha vez dentro da célula, únense e activan o receptor de estróxenos, que á súa vez regulan a expresión de moitos xenes.[4] Ademais, os estróxenos activan os receptores acoplados á proteína G, GPR30.[5]