Evolución humana
From Wikipedia, the free encyclopedia
A evolución humana é o proceso evolutivo que dá lugar a aparición dos humanos modernos, Homo sapiens sapiens. Inda que todos os organismos vivos comparten un devanceiro común, enténdese por evolución humana a parte da historia evolutiva dos primates, en particular a do xénero Homo, e como se remata coa aparición da especie Homo sapiens como unha especie de homínido diferente.
O estudo de dito proceso require unha análise interdisciplinar na que se sumen coñecementos procedentes de ciencias como a xenética, embrioloxía, a antropoloxía física, a paleontoloxía, a estratigrafía, a xeocronoloxía, a arqueoloxía e mesmo a lingüística.
Os estudos xenéticos mostran que os primates diverxeron doutros mamíferos arredor de hai 85 millóns de anos no cretáceo tardío e que os primeiros fósiles recollidos aparecen no Paleoceno, hai 55 millóns de anos[1]. A familia Hominidae diverxe dos xibóns, hai 15-20 millóns de anos, e aproximadamente hai 14 millóns de anos o fan os Ponginae (orangutáns)[2][3]. O bipedismo é a principal adaptación da liña de homínidos e considérase que o primeiro homínido que foi bípede sería Sahelanthropus ou Orrorin e xa completamente bípede sería Ardipithecus. Os gorilas e os chimpancés diverxeron aproximadamente ao mesmo tempo, hai arredor de 4-6 millóns de anos co que Sahelanthropus ou Orrorin serían os nosos últimos antepasados en común con estes. Os primeiros bípedes evolucionarían a australopitecinos e a continuación ao xénero Homo.
Os primeiros membros documentados do xénero Homo son os Homo habilis, que aparecen hai 2,3 millóns de anos, e que sería a primeira especie para a que existen evidencias do uso de ferramentas de pedra. Os cerebros destes primeiros homínidos era dun tamaño aproximadamente igual ao dos chimpancés. Durante os seguintes millóns de anos comezou o proceso de encefalización e, coa aparición de Homo erectus no rexistro fósil, vese que a capacidade cranial dobrou a 850 cm3[4]. Homo erectus e Homo ergaster foron os primeiros homínidos en saír de África e dispersáronse ao longo de África, Asia e Europa entre hai 1,8 e 1,3 millóns de anos. Estímase que foron estas especies as primeiras en usar o lume e ferramentas elaboradas.
Segundo a orixe recente en África dos humanos modernos, estes evolucionarían, probablemente, a partir de Homo heidelbergensis[5] exclusivamente dentro de África e dando lugar á aparición de Homo sapiens arcaicos no Paleolítico medio, hai entre 150.000 e 200.000 anos[6][7].Esa poboación sairía de África hai entre 125.000 e 60.000 anos competindo e substituíndo ás poboacións locais de Homo erectus, Homo denisova, Homo floresiensis e Homo neanderthalensis[8][9][10][11][12][13].
Recentes investigacións filoxenéticas suxiren que varios haplotipos dos Neandertais están presentes en poboacións non-africanas e que os Neandertais e outros homínidos como homínidos de Denisova poderían ter contribuído ata un 6% de secuencias do seu xenoma ás poboacións humanas de hoxe en día[14][15].
A transición ao comportamento moderno con cultura de símbolos, linguaxe e tecnoloxía lítica especializada aconteceu hai 50.000 anos[16][17].