Facsímile
copia ou reprodución dun documento / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un facsímile é unha locución latina que significa literalmente “facer semellante” (do latín fac, imperativo do verbo facio, "facer", + simile, "semellante"). Un facsímile é unha copia ou reprodución case idéntica dun documento, xeralmente antigo e de gran valor, como un libro, un manuscrito, un impreso, un mapa, un debuxo a man alzada ou dunha firma.
Para os libros e manuscritos implica unha copia completa de todas as páxinas, polo que unha copia incompleta é un "facsímile parcial".
Para conseguir realizar este tipo de reproducións de alta calidade, o máis habitual é utilizar técnicas fotográficas e de serigrafía, que permiten imitar fielmente as cores, tamaño, defectos e matices do documento orixinal. Os facsímiles son os máis axeitados para os documentos impresos ou escritos a man, pero esta técnica non adoita aplicarse a obxectos tridimensionais ou pinturas que teñan relevo, como por exemplo as pinturas ao óleo. As reproducións destes últimos obxectos son coñecidas como réplicas.
Os facsímiles adoitan aplicarse como medida de seguridade en museos e bibliotecas para permitir que os usuarios teñan acceso a unha copia exacta do documento orixinal, sen arriscarse a que este sexa subtraído ou se deteriore co tempo. A maioría de bibliotecas nacionais poñen a disposición do público facsímiles dos seus documentos máis valiosos, quedando os orixinais reservados para usuarios que soliciten expresamente unha autorización.
En España existen varios editores que acadan altas cotas de calidade nos seus facsímiles, entre eles destacan Vicent García Editores[1] (Valencia, 1974), Testimonio Compañía Editorial[2] (Torrejón de Ardoz, 1982), M. Moleiro Editor[3] (Barcelona, 1991) o Siloé[4] (Burgos, 1997).