Forza Aérea da República Checa
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Forza Aérea da República Checa (checo: Vzdušné síly) é a forza aérea do Exército da República Checa. Xunto coas Forzas de Terra, a Forza Aérea é a maior forza militar checa. Con tradición de aviación militar que se remonta a 1918, a Forza Aérea checa, xunto coa Forza Aérea de Eslovaquia, sucedeu á Forza Aérea de Checoslovaquia en 1993.[1][2] O 1 de xullo de 1997 o 3º Corpo de Aviación Táctica e o 4º Corpo de Defensa Aérea do Exército checo fusionáronse para formar un Cuartel Xeral da Forza Aérea independente.
Forza Aérea da República Checa | |
---|---|
Vzdušné síly | |
Activa | 1 de xaneiro de 1993 |
Países | República Checa |
Tipo | forza aérea |
Papel | guerra aérea |
Tamaño | 60 avións 48 helicópteros |
Lema(s) | Vzduch je naše moře "O aire é o noso mar" |
Comandantes | |
Comandante actual | xeneral de brigada Petr Hromek |
Insignias | |
Escarapela | |
Bandeira | |
Aeronaves utilizadas | |
Aeronaves de ataque | L-159A |
Cazas | JAS 39 Gripen |
Helicópteros | Mi-8, Mi-17, W-3A, Mi-24 |
Adestramento | L-39ZA, L-159T1 |
Transporte | CASA C-295M, Bombardier Challenger CL-601, Airbus A319, Let L-410 |
A Forza Aérea é a responsable de asegurar a integridade do espazo aéreo checo a través do Sistema Integrado de Defensa Aérea da OTAN (NIADS), de proporcionar apoio aéreo próximo ás Forzas de Terra, e de realizar tarefas de transporte, incluídas as do goberno e voos de estado prioritarios. En tempos de paz a Forza Aérea contribúe en tarefas que se orixinan nas leis checas e en acordos interministeriais, como por exemplo servizos de ambulancia aérea ou SAR.[3]
Os cazas multirrol JAS-39C/D Gripen checos encárganse principalmente das tarefas relacionadas coa defensa aérea da República Checa e da OTAN dentro do sistema NATINAMDS. No chamado sistema de reforzo nacional os reactores subsónicos L-159 ALCA poderían ser despregados para realizar tamén estas tarefas.[4] A vixilancia por radar do espazo aéreo da República Checa é responsabilidade do Rexemento de Control e Vixilancia do 26º Mando Aéreo en Stará Boleslav. En total sete compañías radiotécnicas están repartidas por todo o país para poder cubrir de forma continua todo o seu territorio.[5]